Mundo

Profesores angolanos piden a valorización dos nomes en linguas nacionais

Profesores angolanos, que participaron nun seminario de formación e linguas nacionais, defenderon a necesidade de valorizar os nomes locais e posibilitar a creación de condicións para a súa xeneralización.

Fonte: Jornal de Angola

Milleiros de persoas maniféstanse contra a aprobación do bilingüismo en Croacia

Máis de 20 000 persoas manifestáronse en Vukovar (Croacia) contra o proxecto de introdución do bilingüismo e do uso público do alfabeto serbocirílico en Croacia.

Fonte: Ansa.it

Un grupo de presión galés publica anuncios para demandar cambios lexislativos a prol da lingua galesa

Un grupo de presión a prol da lingua galesa, a Sociedade da Lingua Galesa (Cymdeithas yr Iaith Gymraeg), publica anuncios nos medios de comunicación que animan a "vivir en galés" e nos que demanda cambios lexislativos despois de que o censo de 2011 mostrara un declive no uso desta lingua.

Fonte: BBC

Escocia precisa de máis financiamento para seguir liderando o ensino en linguas estranxeiras

Escocia precisará de máis financiamento e formación se quere continuar liderando o ensino en linguas estranxeiras. A oficina do British Council en Escocia declarou tamén que é primordial que as empresas recoñezan a importancia de ter coñecementos lingüísticos para a economía do país.

Fonte: Stv News

Cada vez máis educadores haitianos son partidarios de empregar a lingua crioula nas escolas

Moitas escolas e organizacións educativas de Haití están rompendo coa tradición de empregar o francés como única lingua de instrución co fin de frear a grave crise educativa que vive o país. A lingua crioula debería converterse na lingua de instrución, xa que é a única que todos os alumnos e profesores entenden e dominan realmente.

Fonte: Newser

Unha aplicación gratuíta resolve dúbidas sobre a lingua portuguesa

O novo Acordo Ortográfico está en vigor desde hai un ano, mais continúa a suscitar moitas dúbidas entre os usuarios. A aplicación Ciberdúvidas, lanzada recentemente para os equipamentos da Apple (iOS) e Android, pode servir para resolver estas dúbidas.

Fonte: Dinheiro Vivo

Os profesores portugueses deben prepararse para os alumnos que non teñen o portugués como lingua materna

“Eses alumnos que veñen de países onde o portugués non é a lingua oficial ou non é a lingua que habitualmente usan están cada vez máis presentes na escola portuguesa”, dixo á axencia Lusa a profesora Isabel Aires de Matos, con motivo da tertulia sobre “Lusofonía e a Escola Portuguesa”.

Fonte: As Beiras

Programas de inmersión lingüística conseguen revitalizar unha lingua ameazada de California

Nos anos noventa, os académicos prognosticaron que a lingua yuruk se extinguiría a curto prazo. A medida que falecían os falantes máis vellos, o número de falantes nativos diminuíu ata seis. Porén, os xefes da tribo decidiron que non podían deixar morrer a lingua. O outono pasado, a escola Eureka High School, converteuse na quinta escola do norte de California en introducir un programa de inmersión en lingua yuruk. A día de hoxe, converteuse no programa de revitalización lingüística de maior éxito en todo o estado.

Fonte: Los Angeles Times

Varias concentracións demandan unha canle de televisión bilingüe na Bretaña

O proxecto de lei sobre a descentralización das canles de televisión estase aplicando pouco a pouco. A finais de febreiro, a dirección da canle France 3, o Consello Rexional da Bretaña e o Estado francés decidirán o futuro do servizo público audiovisual. Na Bretaña as concentracións sucédense para reclamar unha canle de televisión pública bilingüe, seguindo o modelo da Via Stella en lingua corsa.

Fonte: 44breizh

A literatura nas linguas da India colle pulo

Segundo algúns autores que participaron no festival literario de Jaipur, a literatura en linguas indias está experimentando unha expansión moito máis importante do esperado.

Fonte: Hindustan Times

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder