Tecido económico
Entréganse en Ames os galardóns da sétima edición do Premio Lingua e Empresa

A sétima edición dos Premios Lingua e Empresa de Ames galardoou a Lago Louro Avogados, polo seu uso consolidado do galego no ámbito xurídico, e a Tecidos Tolemia, pola incorporación recente da lingua nas súas relacións comerciais. A gala, celebrada no Milladoiro, contou con ampla participación empresarial e destacou o compromiso co galego como elemento de identidade e normalización lingüística.
Fonte: Concello de Ames
López Campos defende a contribución dos certames literarios para impulsar o prestixio e uso do galego
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu a “relevante contribución” dos certames literarios en galego para “prestixiar a nosa lingua o que, consecuentemente, acaba repercutindo nun maior uso social”. Así o destacou na entrega na Coruña do XIII Premio Narrativa Breve Repsol a Alberto Ramos pola obra Pirotecnia, nun acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O colexio do Foxo presenta unha nova edición da súa campaña de promoción do galego no comercio local da Estrada
O colexio do Foxo, na Estrada, presentou a campaña anual «Bicos a Moreas», que promove o uso do galego a través de adhesivos creados polo alumnado con debuxos e mensaxes nesta lingua. A iniciativa, apoiada economicamente pola Asociación de Comerciantes e a Asociación Comarcal de Empresarios, distribúe estes adhesivos nos comercios locais para a campaña de Nadal, co obxectivo de darlle visibilidade ao galego e premiar a creatividade infantil.
Fonte: Faro de Vigo
Un total de 34 entidades opta aos Premios Lingua e Empresa que convoca o Concello de Ames

O Concello de Ames celebra a VII edición dos Premios Lingua e Empresa que recoñecen o uso do galego no ámbito empresarial local. Este ano compiten 34 empresas, cunha maior participación de negocios que consolidaron o galego na súa comunicación. Os premios inclúen 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio.
Fonte: Concello de Ames
Entréganse os galardóns da XXV edición dos Premios Manuel Beiras que recoñecen as empresas santiaguesas polo seu uso do galego

Na XXV edición dos Premios Manuel Beiras, o xurado recoñeceu tres empresas polo seu compromiso co galego: Ela Diz, na categoría de uso continuado, pola integración da lingua e da cultura galegas nun negocio de moda responsable; Toxo Telecom, na modalidade de nova incorporación, polo uso innovador e próximo do galego na comunicación; e Chichalovers, en comunicación innovadora, pola promoción de produtos locais e da cultura galega con orixinalidade.
Anxo M. Lorenzo salienta a contribución ao prestixio e á produción poética en galego dos premios Afundación, cos que colabora a Xunta
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou “a contribución ao prestixio e á produción poética en galego” que representan os Premios de Poesía Afundación, promovidos desde hai máis de vinte anos por esta institución, pola Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Convócase unha nova edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa e o comercio

A XV edición dos Premios Manuel Beiras, convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, promove o uso do galego na empresa e no comercio baixo o lema "En galego, empresa/comercio + intelixente" e destaca a súa importancia na intelixencia artificial e nos negocios locais para reforzar a proximidade coa clientela. A convocatoria está aberta ata o 25 de novembro e a gala de entrega terá lugar o 2 de decembro no Teatro Principal, cunha campaña previa orientada a animar as empresas a participar e visibilizar o galego como recurso estratéxico no ámbito empresarial.
A Xunta impulsa a elaboración dun estudo sobre o galego no tecido empresarial do Deza

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a elaboración dun estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca do Deza, da man da Asociación de Empresarios do Deza . “Trátase do primeiro informe que incide no valor socioeconómico e empresarial da lingua galega”, en palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e faise “no contexto dos últimos datos sociolingüísticos publicados polo Instituto Galego de Estatística”, así como “nos primeiros pasos da implementación da campaña «Saca a lingua que levas dentro» anunciada hai unhas semanas”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Os conselleiros de Cultura e Sanidade avanzan en propostas que favorezan o impulso do galego

Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantiveron un encontro para abordar medidas de impulso do galego no ámbito sanitario. Así, a reunión supuxo unha primeira toma de contacto no marco das iniciativas transversais que a Xunta de Galicia propón para dinamizar a lingua a través de distintos eidos.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Preséntase unha nova edición dos Premios Lingua e Empresa organizados polo Concello de Ames como recoñecemento ás empresas que usan o galego

O Concello de Ames presentou a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa para incentivar o uso do galego no sector empresarial local e promover a normalización lingüística. Os premios recoñecen tanto as empresas cun uso consolidado do galego como as de recente creación que apostan polo idioma, con dous galardóns de 1500 euros cada un e unha campaña en Ames Radio.
Fonte: Concello de Ames
Boletín
Subscríbase ao boletín