Cataluña
O Goberno catalán e o Consulado da República Dominicana traballan xuntos para fomentar o uso e o coñecemento da lingua catalá
O vicepresidente do Goberno catalán presidiu a sinatura dun acordo entre a Secretaría de Política Lingüística e o Consulado da República Dominicana que establece as liñas de traballo para fomentar e difundir a realidade lingüística de Cataluña.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O 44 % dos mozos inmigrantes sabe falar catalán
O 43,6 % dos mozos nacidos no estranxeiro pero residentes en Cataluña sabe falar catalán. Esta porcentaxe extráese da enquisa de usos lingüísticos de 2008 e inclúese no recente informe Llengua i joves da Generalitat de Catalunya.
Fonte: El Periódico
O Parlamento de Cataluña aproba unha resolución de apoio ao uso social do occitano en todo o seu territorio
A comisión de cultura do Parlamento de Cataluña aprobou unha proposta de resolución de apoio ao uso social da lingua occitana en todos os seus territorios. Deste xeito, contribuirase ao avance do uso social do occitano, xa que se establecerán vínculos políticos e culturais coas entidades occitanas.
Fonte: Avui
As webs de TV3 e Catalunya Ràdio invitarán a cambiar o idioma do navegador ao catalán
As webs dos medios da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA) incorporarán un 'widget' que avisa os usuarios que non teñen o navegador configurado en catalán e invita a facelo "de forma sinxela", no marco da campaña 'Navega en català' da Fundación PuntCat.
Fonte: PortalTIC
O Centro de Normalización Lingüística achega o catalán a 90 países
Nos últimos anos, desde o Consorcio para a Normalización Lingüística avanzouse para achegar a lingua catalá a máis de 90 países de todo o mundo. Grazas a novas ferramentas, como o portal Parla.cat, "diversificouse a formación en lingua catalá", tal e como explicou o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan.
Fonte: Avui
O Parlamento de Cataluña aproba por unanimidade a lei da lingua de signos catalá
O Parlamento catalán aprobou por unanimidade a lei da lingua de signos catalá, o que significa o recoñecemento desta lingua como o sistema lingüístico propio das persoas xordas e xordo-cegas de Cataluña.
Fonte: La Vanguardia
A porcentaxe de sentenzas redactadas en catalán diminúe por quinto ano consecutivo
O ano pasado o número de sentenzas ditadas polos xulgados e tribunais de Cataluña chegou ás 250.537. Destas, o 84,1 % estaba escrito en castelán, e o resto (un 15,9 %) en catalán. Este é o quinto ano consecutivo en que hai un retroceso na porcentaxe de sentenzas en catalán en relación co total.
Fonte: Avui
A Plataforma pola Lingua recolle sinaturas para unha campaña que promove o uso do catalán na universidade
A campaña "A la universitat en català!" (¡Na universidade en catalán!) ten como obxectivo reclamar que o catalán ocupe, nas universidades, o lugar que lle corresponde como lingua propia de Cataluña e tamén facer tomar consciencia da importancia da presenza axeitada desta lingua na docencia e a investigación universitarias.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Un total de 300 entidades comprométese a consumir produtos etiquetados en catalán
Máis de 300 entidades e institucións de toda Cataluña fixeron público en Xirona o seu compromiso de consumir produtos etiquetados en catalán.
Fonte: Avui
Preséntase un espazo que recolle ferramentas para traballar en catalán no sector da restauración
Presentouse o novo espazo "Plats a la carta" (Pratos á carta), unha páxina web que recolle diferentes recursos lingüísticos que teñen como obxectivo facilitar o uso do catalán no sector da restauración.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín