Cataluña

Unha emprendedora catalá crea unha aplicación para que os nenos asiáticos aprendan español

A aplicación, ademais de ofrecer material didáctico, usa técnicas de gamificación (o uso de dinámicas propias dos xogos e o ocio en actividades non recreativas) a través da publicación dos resultados de lecturas e exercicios nunha clasificación que todos os usuarios poden ver, para fomentar a participación e as ganas de aprender, anunciou a Europa Press a creadora do proxecto, Addaia Verrié.

Fonte: Invertia

Cataluña

Os secretarios xerais das consellerías catalás reúnense para impulsar medidas de uso e prestixio do catalán

O Conselleiro de Cultura da Generalitat de Cataluña, Ferran Mascarell, presidiu a reunión da Comisión Técnica de Política Lingüística, formada polos secretarios xerais dos departamentos da Generalitat e na que tamén participou a directora xeral de Política Lingüística, Ester Franquesa. O obxectivo é que os diferentes departamentos do Goberno impulsen medidas non só para o fomento e uso da lingua, senón tamén para o seu prestixio.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Un informe mostra que o 60 % das noticias sobre a lingua catalá na prensa española son negativas

O informe A actualidade da lingua catalá nas portadas da prensa madrileña (2011-2014) analizou durante case tres anos as portadas de La Razón, El Mundo, ABC e El País, os catro principais diarios impresos en Madrid. O traballo pon de manifesto que, se ben o catalán non é un tema habitual nestes medios, cando se trata faise de forma destacada e eminentemente negativa. Desta forma, o 60 % das noticias sobre o catalán nas portadas destes diarios ten un tratamento negativo, contra o 34 % de noticias que teñen un tratamento neutro e só un 6 % que o teñen positivo.

Fonte: Prperiodismo

Cataluña

En 2013 publicáronse un 9 % máis de títulos en catalán, pero con menos tiraxe

O presidente da Asociación de Editores en Lingua Catalá, Albert Pèlach, deu a coñecer os datos dun estudo sobre o libro en España, no que se constata que en 2013 publicouse un 9 por cento máis de títulos en catalán, aínda que a tiraxe media baixou un 19,2 por cento con respecto a 2012.

Fonte: El Confidencial

Cataluña

Presentan unha campaña que reclama que Linkedin teña versión en catalán

Presentouse a campaña “Linkedin en catalán” que reclama que esta rede social vinculada ao mundo profesional teña a súa versión en catalán. A campaña, impulsada pola Fundación puntCAT, pide que Linkedin, que está dispoñible en 42 linguas, incorpore tamén o catalán.

Fonte: El Periódico

Cataluña

Softcatalà presenta a versión 2.4 do catalanizador

Softcatalà presentou a versión 2.4 do catalanizador, unha ferramenta para simplificar a catalanización de calquera sistema Microsoft Windows ou Mac OS X para que o usuario poida traballar en catalán. A tal efecto o programa aplica cambios de configuración, os paquetes de idioma e os correctores ortográficos necesarios. Desde a súa presentación en 2012, máis de 80 000 usuarios o utilizaron.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Só 16 alumnos sobre 176 000 solicitan ser escolarizados en castelán en Barcelona

Jordi Portabella, membro de Esquerra Republicana de Cataluña, preguntoulle ao goberno do Concello de Barcelona cantas familias solicitaron ao Consorcio de Educación de Barcelona que os seus fillos sexan escolarizados en castelán e a porcentaxe que representan. O concelleiro de educación, Gerard Ardanuy, explicouno: 16 solicitudes sobre o total de 176 000 alumnos, un 0,009 %.

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

A Generalitat de Cataluña estuda que o árabe sexa unha materia optativa en secundaria

A conselleira de Educación, Irene Rigau, lembrou que o árabe se imparte en centros educativos cataláns desde 1991, por un acordo entre Marrocos e España, aínda que confirmou que o último plan do Goberno rexional con ese país inclúe a posibilidade de incorporar esta lingua como optativa en secundaria.

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

Nos últimos cinco anos subtituláronse en catalán preto de 900 longametraxes e 2700 curtas

Entre os anos 2008 e 2013 subtituláronse en catalán 3694 filmes que se exhibiron nos diferentes festivais de cine de Cataluña. Destes, un total de 880 son longametraxes e 2614, curtametraxes. Esta actividade foi posible grazas a un convenio establecido entre o Departamento de Cultura e a Coordinadora de Festivais e Mostras de Cine e Vídeo de Cataluña (CI & VI) para promover a subtitulación en catalán de produtos audiovisuais.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

A Dirección Xeral de Política Lingüística difunde un vídeo sobre o catalán subtitulado en 18 linguas

Coincidindo co Día Europeo das Linguas 2014, a Dirección Xeral de Política Lingüística difundirá o vídeo “O catalán, lingua para todos” subtitulado en 18 linguas. O vídeo mostra o catalán como lingua moderna, competitiva e aberta ao mundo en diálogo con outras linguas a partir de datos sobre a situación actual e a evolución que fixo nos últimos anos.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder