Cataluña
O fundador da Wikipedia gaba a edición en lingua catalá
O fundador da Wikipedia, Jimmy Wales, tivo palabras de apoio para a comunidade en catalán desta enciclopedia colaborativa na rede, destacando que se trata dunha comunidade “enorme” en relación ao peso demográfico da lingua. Unha afirmación que apoiou con datos, lembrando que a edición catalá desta enciclopedia conta con 430 000 artigos e é, pois, a 17ª en canto a número de entradas.
Fonte: Crónica Global
Dinamizadores lingüísticos italianos estudan en Barcelona o modelo catalán de fomento da lingua
Un grupo de dezaseis dinamizadores lingüísticos da provincia autónoma de Bolzano (Italia) desprazáronse a Barcelona para estudar o modelo catalán de fomento da lingua. En Bolzano conviven tres linguas oficiais: o italiano, o alemán e o ladino. A formación que recibirán os estudantes de Bolzano consiste en tratar a dinamización lingüística desde diversos ámbitos coma o comercial, o asociativo, o social, o da xustiza, etc.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A presenza do catalán na administración de xustiza cae nos últimos catro anos
Segundo datos da Generalitat de 2013, das 248 241 sentenzas emitidas nos partidos xudiciais cataláns 217 543 foron en castelán e 30 698 en catalán, o que supón un 12,4 % do total. Só nas demarcacións de Xirona e Lleida se ditaron máis dun 30 % de sentenzas en catalán, mentres que en Tarragona e Terras do Ebro non chegaron ao 2 %.
Fonte: El Mundo
Presentan o novo nivel C2 da lingua catalá, orientado á excelencia comunicativa
A Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura celebrou a xornada “C2. Como se mide a excelencia comunicativa?”. O obxectivo do acto foi a presentación do novo programa e certificado do nivel superior (C2) que acredita unha competencia lingüística alta en lingua catalá. O C2 diríxese a persoas que fan actividades de comunicación lingüística de complexidade, oral ou escrita, no ámbito laboral ou académico.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Tribunal Supremo avala o Decreto de acreditación do catalán para os profesores universitarios
O Tribunal Supremo desestimou o recurso da asociación Convivencia Cívica Catalá en contra do Decreto 128/2010 sobre acreditación do coñecemento lingüístico do profesorado das universidades do sistema universitario de Cataluña.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O xuíz ordena traducir os dereitos dos internos no Centro de Internamento de Estranxeiros ás súas linguas
O xuíz do Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) de Barcelona ordenou traducir os boletíns que informan os reclusos dos seus dereitos, non só ás linguas oficiais dos seus países, senón tamén ás que falan unha porcentaxe notoria da poboación, como o wolof, o mandinga ou o guxaratí.
Fonte: El Periódico
O Goberno de Cataluña sufragará o custo por non poder estudar en castelán
O Goberno deducirá ás comunidades da súa financiación autonómica o custo que lle suporá o proceso educativo de aqueles alumnos que, querendo recibir unha educación en castelán como lingua vehicular, non poidan facelo na rede de centros públicos por falta de prazas.
Fonte: La Tribuna de Ciudad Real
O Instituto de Estudos Cataláns lanza o espazo "Critèria", con ferramentas para a corrección e tradución de textos
O Servizo de Corrección Lingüística e a Unidade de Corrección do Servizo Editorial do Instituto de Estudos Cataláns (IEC) lanzaron Critèria, un espazo web que contén orientacións e propostas para resolver cuestións tipográficas e dúbidas lingüísticas vinculadas sobre todo coa ortografía e a onomástica e que non dependen estritamente da normativa lingüística, senón que son froito da experiencia profesional.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Os editores en lingua catalá apostan polo crecemento do sector, malia o descenso de vendas
Os editores en lingua catalá apostan polo crecemento do sector a pesar das cifras negativas da venda de libros en España, que diminuíu un 9,7 % durante 2013, segundo mostra a Análise do Comercio do Libro en España, presentado pola Federación de Gremios de Editores de España.
Fonte: La Información
A campaña “Navega en catalán” protagoniza o programa de TV3 Espai Internet
A campaña “Navega en catalán” da Fundación puntCAT centrou o programa Espai Internet de TV3. Esta campaña ten por obxectivo sensibilizar os internautas cataláns para que configuren os seus navegadores en catalán e así contribúan a aumentar a demanda de contidos nesta lingua. A campaña ten o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura e de Softcatalá.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Boletín
Subscríbase ao boletín