Comunidade Valenciana
A Deputación de Valencia organiza unhas xornadas para compartir experiencias de promoción lingüística

Valencia acolleu unhas xornadas nas que se deu cita persoal técnico dedicado á dinamización lingüística das diferentes linguas oficiais do Estado para poñer en común e intercambiar proxectos e boas prácticas no fomento das linguas.
Fonte: El Periodic
Convócanse os Premios ao uso do valenciano nas fallas
O Concello de Torrent convoca un ano máis os Premios ao uso do valenciano nas fallas co obxectivo de impulsar a presenza desta lingua no ámbito festivo. Estes galardóns contan con dúas categorías: para as lendas dos monumentos falleros e para o llibret.
Fonte: Levante-EMV
A Comunidade Valenciana e o Principado de Andorra asinan un acordo para promover o catalán

Os Gobernos valenciano e andorrano asinaron un acordo bilateral para a promoción do uso da lingua catalá que, entre outros aspectos, recolle o recoñecemento dos respectivos diplomas e certificados lingüísticos do catalán ou o fomento da cooperación e a coordinación con outras institucións para difundir e promover esta lingua.
Fonte: ABC
Apróbase o decreto para a creación da Rede Pública de Servizos Lingüísticos Valencianos

O decreto de creación e regulación da Rede Pública de Servizos Lingüísticos Valencianos ten como obxectivos, entre outros, reforzar a comunicación entre todos os ámbitos implicados e agrupar os devanditos servizos das entidades locais e das universidades públicas nunha única estrutura propia da Generalitat, para favorecer o traballo en rede e acadar a máxima rendibilidade no proceso de normalización lingüística.
Fonte: Las Provincias
A Universidade de Alacant acollerá unha nova edición do ciclo de cine en valenciano
Cinema en Valencià celebra unha nova edición nas instalacións da Universidade de Alacant cun programa que inclúe sete proxeccións familiares de cine en valenciano. A entrada é gratuíta e as prazas limitadas.
Fonte: Información
O Concello de Xàbia crea unha revista dixital para fomentar o uso do valenciano

O Concello de Xàbia creou Valora’t, unha revista dixital en valenciano de carácter mensual coa que se pretende impulsar o uso do valenciano e dar a coñecer o vocabulario de diferentes áreas temáticas.
Fonte: Xàbia al día
A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana permitiralle certificar a capacitación en valenciano ao persoal interino
A Consellería de Educación impartirá cursos de cen horas en seis institutos de Secundaria para que o persoal interino poida certificar o nivel C1 de valenciano, necesario para impartir clases nos centros educativos da Comunidade.
Fonte: Levante-EMV
A televisión autonómica À Punt Média emite un anuncio para a promoción do Dicionario normativo valenciano
A Academia Valenciana da Lingua puxo en marcha unha campaña de divulgación para difundir o Dicionario normativo valenciano, unha ferramenta que xa conseguiu 35 millóns de consultas na súa edición dixital dende que se publicou en febreiro do 2014.
Fonte: Valencia Extra
Nace Valentubers, a revista dixital para as canles de YouTube en valenciano

Esta revista, impulsada por Rosella Espinós, estudante de cuarto curso de Xornalismo na Universidade de Valencia, converteuse nun punto de encontro e de referencia para todos os youtubers que fan os seus contidos en valenciano.
Fonte: La Vanguardia
A Wikipedia en valenciano chega aos 600 000 artigos

A Viquipèdia (Wikipedia en valenciano) superou os 600 000 artigos, unha cifra que a converte na 20ª en número de artigos. Ademais, en canto á súa calidade, sitúase entre as tres primeiras, xunto coas versións rusa e serbia.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín