Comunidade Valenciana
Un 16,31% do profesorado interino non acreditou o nivel mínimo de valenciano
Segundo o sindicato UXT, baseándose en datos da Consellería de Educación, un 16,31 % do funcionariado interino carece de requisito lingüístico, o que significa que non acreditou o nivel mínimo de valenciano esixido para o seu posto.
Fonte: El Mundo
O Concello de Cocentaina fomenta o uso do valenciano no ámbito comercial
O Concello de Cocentaina puxo en marcha unha campaña chamada Troballengua. Trátase dun directorio web que inclúe comercios e profesionais que utilizan o valenciano. O Consistorio entregaralles a uns 90 establecementos selos de calidade que indican que neles entenden os clientes que falan nesta lingua.
Fonte: Información
O profesorado das escolas oficiais de idiomas, artes e conservatorios necesitará un nivel C1 de valenciano
Segundo a orde do Diario oficial da Comunidade, a Consellería de Educación prevé establecer como requisito lingüístico ter o nivel C1 de valenciano para o corpo de profesores e catedráticos das escolas oficiais de idiomas, as de Artes Plásticas e Deseño, de Música e Artes Escénicas.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
Publícanse en valenciano uns 5000 exemplares da "Guia del Misteri d'Elx"
Xa está dispoñible a versión en valenciano da Guia del Misteri d'Elx, unha reedición da que se publicaron 5000 exemplares que se repartirán gratuitamente e que incorpora un glosario final con conceptos relacionados coa festa.
Fonte: Cadena Ser
O Concello de Onda recibe máis de 15 000 euros para o fomento do valenciano
O Concello de Onda percibiu 15 164,84 euros da Consellería de Educación, Investigación, Cultura e Deporte para a promoción do valenciano na localidade. A subvención aumentou un 20 % respecto ano anterior.
Fonte: El Periodic.com
A Generalitat Valenciana e o Instituto Cervantes promoverán a lingua e a cultura valencianas no mundo
Ambas as institucións asinaron un convenio para a realización de actividades culturais que mostren a riqueza e a diversidade cultural desta comunidade no resto de España así como noutros países.
Fonte: 20minutos
A Consellería de Educación valenciana reforza o inglés cun curso práctico
O departamento que dirixe Alejandro Font de Mora segue adiante coa súa aposta polo inglés nas escolas, despois de que a "ocorrencia" de obrigar a traducir a esta lingua as clases de Educación para a Cidadanía sen poñer máis especialistas nin medios materiais, tivese un rexeitamento masivo entre os pais e profesores deixando sen efecto a orde cara ao final do primeiro trimestre lectivo.
Fonte: El País
O nivel plurilingüe dos escolares valencianos será avaliado pola universidade
O debate xira sobre como implantar o inglés; a partir de que tipo de programas; con que persoal e con que recursos económicos e materiais. Todos estes temas foron postos sobre a mesa por Escola Valenciana, a entidade integrada na gran Plataforma per l'Ensenyament Públic (Plataforma pola Ensinanza Pública), xunto a sindicatos, confederacións de pais e alumnos, directores e inspectores, na segunda reunión para deseñar un plan de ensinanza trilingüe cos técnicos da Consellería de Educación valenciana.
Fonte: El País
Acció Cultural lanza unha iniciativa lexislativa para que as canles en catalán se vexan en todo o territorio de lingua catalá
O obxectivo é reunir 500.000 sinaturas para que o Parlamento español aprobe unha lei que garanta a recepción das televisións en catalán nos países de lingua catalá. As sinaturas buscaranse en todo o territorio español.
Fonte: Món Divers
As novas tecnoloxías impulsan os laboratorios de idiomas no sistema educativo valenciano
O conselleiro de Educación valenciano, Alejandro Font de Mora, afirmou que a nova versión de LliureX impulsada polo seu departamento porá a disposición do profesorado do sistema educativo os laboratorios de idiomas.
Fonte: La Razón
Boletín
Subscríbase ao boletín