Illas Baleares
CineCiutat proxectará películas en catalán polas mañás ao longo do verán

O cine informou que, co seu ciclo “CineCiutat, bon dia”, proxectará películas en catalán ou subtituladas nesta lingua dúas mañás por semana durante o verán para aumentar a oferta lúdica e cultural de Palma en horario matinal e contribuír ao obxectivo do cine de normalizar e ampliar o uso da lingua catalá na cultura e no ocio.
Fonte: Mallorcadiario.com
O Goberno balear lanza unha campaña para que os dispositivos electrónicos recoñezan a diversidade lingüística do catalán

O Goberno balear pide á sociedade que grave as súas voces para crear unha base de datos que se facilitará ás empresas tecnolóxicas co obxectivo de que os dispositivos electrónicos entendan o catalán en toda a súa diversidade lingüística.
Fonte: Diario de Mallorca
Aumenta a oferta de cursos de catalán para funcionarios da Escola Balear de Administración Pública
O Goberno balear comprométese a aumentar a oferta de cursos de catalán da Escola Balear de Administración Pública para os funcionarios, que terán que presentarse obrigatoriamente ás probas organizadas por esta escola e a Dirección Xeral de Política Lingüística para obter o certificado de coñecementos da lingua catalá correspondente.
Fonte: Crónica Balear
O Concello de Manacor promove o uso do catalán no ámbito da contratación

O pleno do Concello de Manacor aproba a inclusión de cláusulas lingüísticas nos pregos de condicións da contratación de obras e servizos para fomentar o uso público da lingua catalá, de modo que as empresas contratadas deberán garantir o seu uso nos bens, obras e servizos obxecto do contrato.
Fonte: Última hora
O certificado de capacitación de catalán será requisito en 2023 para participar en procesos de acceso ao corpo docente de Baleares
O Plan de formación lingüística e cultural (FOLC), xunto co nivel C1 de catalán, será imprescindible para calquera proceso selectivo de acceso ao corpo de persoal docente a partir de 2023.
Fonte: Diario de Mallorca
O Goberno balear convoca axudas para os medios de comunicación en catalán

O Goberno balear destinará unha partida de 700 000 euros ás axudas para os medios de comunicación en catalán, o que supón un incremento de 65 000 euros respecto á anterior convocatoria.
Fonte: Mallorca Diario
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Baleares organiza unha mostra de videoxogos en catalán

O evento terá lugar en Palma, no marco do Mallorca Game, a convención de videoxogos máis grande celebrada en Baleares. Poderán visitala persoas de todas as idades, usuarios habituais de videoxogos e persoas que queren descubrilos.
Fonte: Ara Balears
A Dirección Insular de Política Lingüística de Mallorca publica a convocatoria de axudas para impulsar a produción editorial e fonográfica en catalán
O Goberno insular destinará 350.000 á convocatoria de subvencións para a produción cultural en catalán, o que supón un aumento de 50.000 euros respecto ao ano pasado. En concreto, estas axudas buscan fomentar a produción e a edición, en formato físico e dixital, de libros, audiolibros e fonogramas nesta lingua.
Fonte: La Vanguardia
A organización Plataforma per la Llengua será a encargada da dinamización do catalán na illa de Mallorca
Plataforma per la Llengua é a entidade adxudicataria dun contrato do Goberno insular, por valor de 241 395 euros e cunha duración de 21 meses, para realizar actividades na illa de Mallorca que impulsen o uso do catalán como lingua de cohesión social.
Fonte: Diario de Mallorca
Dúas convocatorias de axudas fomentarán o uso do catalán en empresas e entidades mallorquinas
A Dirección Insular de Política Lingüística publicou dúas convocatorias de axudas para impulsar o uso do catalán, unha para empresas e outra para entidades, destinadas a etiquetaxe, materiais impresos, rótulos, cartas de restaurantes, páxinas web, aplicacións móbiles, códigos QR etc.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín