Illas Baleares
Esgótanse as 290 prazas para os obradoiros intensivos de catalán en Mallorca
A Dirección Insular de Política Lingüística impartirá 17 seminarios para preparar a parte oral e a escrita das probas oficiais de nivel de catalán. As clases terán lugar polas tardes en Inca e Palma.
Fonte: Diario de Mallorca
O Goberno balear convoca axudas a medios de comunicación en catalán por 635 000 euros

O obxectivo desta convocatoria anual é fomentar a presenza da lingua catalá nos medios de comunicación social das illas e facer crecer a oferta de medios na lingua propia da comunidade autónoma. Poderán beneficiarse das axudas as publicacións de prensa diaria, local, de temática especializada e as emisións de radios e televisións.
Fonte: Noudiari
Organízanse os concertos “Treu la llengua” nas illas de Baleares para poñer en valor o catalán
A Dirección Xeral de Política Lingüística organiza, coa colaboración doutras institucións e entidades, os concertos “Treu la llengua” que se levarán a cabo este verán nas catro illas de Baleares co obxectivo de poñer en valor a importancia da lingua catalá.
Fonte: Diario Alerta
Organízase un obradoiro de introdución ao catalán para a xuventude chegada recentemente a Baleares

A Dirección Xeral de Política Lingüística pon en marcha un novo obradoiro de acollida lingüística para un grupo de persoas recentemente chegadas ás Illas Baleares onde se combina a formación en lingua catalá con actividades como o teatro, a cociña ou as visitas a establecementos locais para practicar a lingua.
Fonte: Govern Illes Balears
O Goberno balear pon en marcha a campaña “Benvinguts!” para aproximar o catalán a turistas
A Dirección Xeral de Política Lingüística inicia de novo a campaña “Benvinguts!” para transmitir a realidade lingüística de Baleares e acercar o catalán ás persoas que visitan o arquipélago.
Fonte: 20 minutos
O Instituto de Estudos Eivisencos organiza obradoiros de conversación en catalán para persoas adultas
O Instituto de Estudos Eivisencos levará a cabo os seus obradoiros desde o día 2 ao 31 de agosto coa colaboración do Concello de Eivisa. O seu obxectivo é fomentar o uso social do catalán, sobre todo entre aquelas persoas que xa contan con nocións básicas da lingua pero que aínda non se animan a falala.
Fonte: Periódico de Ibiza
O Goberno balear crea o premio Aina Moll dotado con 3000 euros para especialistas en lingüística catalá
O premio vai dirixido ao alumnado que presente traballos na próxima edición da Escola de Verán de Lingüística Catalá (EDELC) co obxectivo de fomentar a investigación, recoñecer a figura de Moll como filóloga e lingüista e favorecer a interacción e as colaboracións cos especialistas para crear unha rede de apoio en estudos lingüísticos sobre a lingua catalá.
Fonte: 20 minutos
O Goberno das Illas Baleares impulsa a elaboración dun informe sobre a situación do catalán
A proposta da Comisión Permanente do Consello Social da Lingua Catalá, o Goberno balear impulsa a elaboración dun informe sobre a situación do catalán coa finalidade de determinar os obxectivos cumpridos e os que están pendentes.
Fonte: Última Hora
O Consell de Mallorca destina 80 000 euros a subvencións para a promoción do catalán
O Consell de Mallorca outórgalles unha subvención nominativa de 60 000 euros á Institución Pública Antoni Maria Alcover e outra de 20 000 euros á Escola Municipal de Mallorquí para promover a lingua catalá, a cultura e as tradicións mallorquinas.
Fonte: Última Hora
O Goberno das Illas Baleares convoca axudas por 225 000 euros para o fomento do catalán
A Consellería de Fondos Europeos, Universidade e Cultura comunica que estas axudas se distribuirán entre concellos, persoas físicas e asociacións sen ánimo de lucro que levaron a cabo actuacións para fomentar o uso do catalán.
Fonte: Última Hora
Boletín
Subscríbase ao boletín