Navarra
O Goberno de Navarra presenta unha campaña de fomento do éuscaro entre adultos

O Goberno de Navarra, en colaboración con entidades locais, euskaltegis e escolas oficiais de idiomas, puxo en marcha para este curso 2020-2021 a campaña "¡La próxima en euskera! / Hurrengoan euskaraz!", que ten como obxectivo promover a aprendizaxe desta lingua.
Fonte: Noticias de Navarrra
Denuncian a redución de prazas de éuscaro nas escolas infantís municipais de Pamplona
O colectivo Administrazioan Euskaraz Taldea denunciou a redución de prazas levada a cabo polo Concello de Pamplona nas escolas infantís municipais, xa que condiciona as opcións das familias, que, á hora de escoller o modelo lingüístico, adoitan adaptarse á oferta.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno de Navarra financia unha investigación lingüística sobre o éuscaro de Roncal
O Goberno de Navarra financia a edición dun libro de investigación lingüística sobre o éuscaro de Roncal Uskararen eleak / Las palabras del uskara, un traballo que resultou gañador dun concurso organizado por Euskarabidea.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Navarra e a Real Academia da Lingua Vasca renovan o seu convenio de colaboración
Este convenio para o ano 2020 entre ambas as institucións ten como obxectivo normalizar e colaborar no desenvolvemento, estudo e investigación do éuscaro. Algúns dos proxectos que se impulsarán son a participación en dicionarios así como en traballos de onomástica e toponimia.
Fonte: Diario de Navarra
O Goberno de Navarra apoia a produción de contidos dixitais en éuscaro na Wikipedia

O Goberno de Navarra subscribiu un convenio de colaboración, cunha achega económica de 25 000 euros, coa asociación cultural Euskal Wikilarien Kultur Elkartea para impulsar a creación, a difusión e o consumo de contidos dixitais culturais en éuscaro na Wikipedia.
Fonte: Noticias de Navarra
O Instituto Navarro do Éuscaro convoca axudas para a promoción desta lingua en entidades e asociacións locais
O Instituto Navarro do Éuscaro ou Euskarabidea quere financiar actividades de promoción do éuscaro por medio dun conxunto de axudas destinadas a entidades locais ou asociacións sen ánimo de lucro que dinamicen a vida social de Navarra.
Fonte: El Diario Vasco
Aumenta a porcentaxe de persoas que falan éuscaro en Navarra

Segundo unha enquisa, a porcentaxe de persoas de 16 anos ou máis que fala éuscaro en Navarra pasou do 12,9 % de 2016 ao 14,1 % en 2018. Esta é, soa ou xunto ao castelán, a primeira lingua do 9,1 % da poboación da Comunidade Foral, unha porcentaxe que se incrementa ata o 15,1 % no caso da xente nova.
Fonte: Diario de Navarra
Entra en vigor a nova Ordenanza reguladora da utilización e fomento do éuscaro no Concello de Pamplona
Esta nova ordenanza establece un bilingüismo asimétrico nas relacións interadministrativas e coa cidadanía, o que significa que se respecta a vontade da persoa destinataria á hora de escoller unha ou outra lingua (éuscaro ou castelán).
Fonte: Navarra Información
A Universidade Pública de Navarra ultima a elaboración dun plan para aumentar a oferta de materias en éuscaro
A Universidade Pública de Navarra está a elaborar un plan integral da docencia en éuscaro para incrementar a oferta de materias nesta lingua baseándose en tres criterios: a proximidade dos graos á realidade socioeconómica navarra, a demanda do alumnado e a calidade.
Fonte: Noticias de Navarra
Os gobernos navarro e vasco e a Oficina Pública da Lingua Vasca de Iparralde renovan a súa colaboración en política lingüística

Pamplona acolleu a reunión entre os gobernos do País Vasco e Navarra e a Oficina Pública da Lingua Vasca de Iparralde na que renovaron o seu compromiso para traballar coordinadamente en materia de política lingüística, a través do convenio Hiruko Ituna.
Fonte: EITB
Boletín
Subscríbase ao boletín