Navarra
O 28 % da poboación navarra maior de 15 anos ten algún coñecemento de éuscaro

Segundo a Enquisa Social e de Condicións de Vida de 2018, o 27,9 % das persoas maiores de 15 anos que viven en Navarra ten algún coñecemento de éuscaro, porcentaxe que se eleva ata o 40 % no caso da poboación máis nova.
Fonte: Naiz
Animan as familias de orixe estranxeira que viven en Navarra a elixir o ensino en éuscaro para as súas fillas e fillos

Dende as direccións dos centros públicos co modelo D animan as familias de orixe estranxeira a escoller o ensino en éuscaro, unha opción de inmersión lingüística que garante o bilingüismo no alumnado ao finalizar a escolarización.
Fonte: Noticias de Navarra
Familias de Pamplona mostran a súa preocupación polo futuro das escolas infantís en éuscaro

As familias de Pamplona que envían as súas fillas e fillos ás escolas infantís co modelo en éuscaro manifestaron a súa preocupación pola continuidade destes centros debido á postura do Goberno municipal que considera excesiva a oferta nesta lingua.
Fonte: Cadena SER
O Informe do Sistema Educativo confirma que o 40 % do alumnado navarro estuda éuscaro

Segundo o informe elaborado polo Consello Escolar de Navarra, arredor do 40 % dos 109 734 estudantes escolarizados na Comunidade Foral en 2018-19 estudaba éuscaro, dos cales un 25 % o facía no modelo de inmersión lingüística (modelo D) e o resto como materia (modelo A).
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello de Pamplona fai entrega dos premios do seu XXIX Certame Literario en Éuscaro
Os doce galardóns foron entregados entre os 31 traballos participantes desta edición nas tres modalidades literarias nas que se divide o concurso: narración breve, poesía e bertso-paperak, con premios de entre 500 e 2500 euros para as mellor valoradas e catro mencións especiais dotadas con 250 euros.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno de Navarra destina axudas a 22 medios de comunicación polo seu uso e promoción do éuscaro
Euskarabidea resolveu a convocatoria de axudas dirixidas ao uso do éuscaro en prensa escrita, radios e medios de comunicación en liña. En total destináronse 665 939,95 euros dos que se beneficiaron 22 medios.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Consello Navarro do Éuscaro coñece os compromisos en materia lingüística do Goberno Foral
Afastar a lingua dos debates partidistas e impulsar un acordo social e político sobre o éuscaro son os principais compromisos en materia lingüística do Goberno Foral presentados perante o Consello Navarro do Éuscaro, ademais das liñas de acción que se van desenvolver, como a redacción dun segundo plan estratéxico.
Fonte: Noticias de Navarra
Finaliza o ciclo de teatro en éuscaro de Pamplona
Antzerki Aroa pecha as representacións en éuscaro na cidade de Pamplona coa interpretación dunha obra nacida da improvisación na que se reflexiona sobre a condición do ser humano e a súa maldade.
Fonte: La Vanguardia
O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra rexeita o recurso para aumentar as prazas de éuscaro nas escolas municipais
Os cambios foron realizados no curso 2016/2017 en cinco escolas infantís (0-3 anos) e supuñan unha reconfiguración da planificación educativa para a que o concello non ten competencia, segundo o auto do Tribunal Superior de Xustiza, pois incumpre o Decreto Foral que obriga a garantir a continuidade no mesmo centro do modelo lingüístico escollido polo alumnado ata o final da súa escolarización.
Fonte: El Diario
A Real Academia da Lingua Vasca recibe a Medalla do Parlamento navarro
Este premio recoñece a traxectoria histórica da Academia, así como o seu traballo pola normalización e unificación da lingua vasca. Foi entregado durante o acto do Día do Éuscaro, no que se leu unha declaración institucional e se celebrou a positiva evolución no uso da lingua en Navarra, onde o 13 % da poboación o emprega como lingua principal.
Fonte: El Diario
Boletín
Subscríbase ao boletín