País Vasco
A Plataforma Vasca da Industria analiza os obxectivos de promoción do éuscaro no tecido industrial para o ano 2020
A Plataforma Vasca da Industria (Indeus) celebrou a súa asemblea co obxectivo de analizar a súa traxectoria como soporte á competitividade das empresas vascas mediante o incremento da presenza do éuscaro no ámbito industrial.
Fonte: Goberno Vasco
O éuscaro supón o 5,34 % do PIB de Guipúscoa

Segundo un informe da Asociación de Industrias da Lingua no País Vasco, Langune, o 5,34 % do PIB de Guipúscoa, é dicir, uns 1300 millóns de euros, corresponde a sectores económicos vinculados directa ou indirectamente co éuscaro, mentres que para o conxunto do País Vasco a porcentaxe se sitúa nun 4,59 %.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A aprendizaxe do éuscaro nos euskaltegis do País Vasco será gratuíta ata o nivel B2

O Goberno vasco, as tres deputacións forais e Eudel destinarán catro millóns de euros á aprendizaxe do éuscaro ata o nivel B2 para que sexa gratuíta en todos os euskaltegis da comunidade. Para acceder ás subvencións e conseguir a gratuidade dos cursos, o alumnado deberá cumprir dous requisitos: asistir ao 75 % das clases e superar o nivel correspondente.
Fonte: Goberno Vasco
O programa BIKEE recoñece a implicación do deporte biscaíño no fomento do uso do éuscaro

O programa BIKEE-Bizkaian Kirola Ere Euskaraz estenderase a todas as persoas relacionadas co deporte en Biscaia. Como agradecemento, a Deputación Foral agradeceu a organizacións deportivas, federacións, clubs etc. o seu labor na normalización e fomento do éuscaro neste ámbito.
Fonte: El Diario
O Concello de Donostia publica un dicionario de éuscaro para turistas

Este pequeno dicionario para turistas recolle palabras e frases básicas en éuscaro que poden serlles de utilidade, como saúdos, medios de transporte, termos relacionados coa hostalería etc.
Fonte: Gipuzkoagaur
O Concello de Laudio organiza un programa para a capacitación lingüística en éuscaro dirixido á mocidade migrante

O Concello de Laudio impulsa un programa composto de vinte sesións formativas que ten como obxectivo a integración e a capacitación lingüística da xente nova do colectivo migrante que vive na localidade para que aprenda éuscaro.
Fonte: Deia
Segundo un estudo, o 85 % da mocidade de Ondarroa utiliza o éuscaro no Whatsapp e en Instagram

Segundo un estudo realizado con alumnado de bacharelato de Ondarroa, un 85 % da mocidade de entre 16 e 18 anos utiliza o éuscaro nas redes sociais, principalmente no Whatsapp e Instagram.
Fonte: El Correo
O programa 'Ikusi eta Ikasi' impulsará en Bilbao o lecer en éuscaro para menores de 4 a 10 anos
O Concello de Bilbao organiza o programa 'Ikusi eta Ikasi' que, a través de actividades gratuítas, impulsará ao longo do mes de febreiro o lecer en éuscaro. Teatro, circo, maxia, música, danza ou obradoiros son algunhas das alternativas das que poderán gozar as nenas e os nenos de 4 a 10 anos.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Eibar organiza un concurso de tuits en éuscaro

Ata o 23 de febreiro permanecerá aberto o prazo para que a cidadanía poida presentar “o tuit que lle gustaría ler en 2020”. Os tuits deberán estar en éuscaro, non sobrepasar os 140 caracteres e levar o cancelo #EibarTxioLehiaketa.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Investigadores da Universidade do País Vasco editan unha publicación na que distinguen tres dialectos do éuscaro

O grupo de investigación para o estudo da variación do éuscaro, Eudia, da Universidade do País Vasco realizou o estudo Euskalkien sailkapen berria no que distinguen tres dialectos desta lingua: o occidental, o central e o oriental.
Fonte: EiTB
Boletín
Subscríbase ao boletín