País Vasco
O uso do éuscaro aumenta entre a mocidade de Áraba

Unha enquisa do Eustat confirma que uso do éuscaro en Áraba aumenta canto máis descende a idade. Así, o 20 % da mocidade de ata 19 anos fala éuscaro como primeira lingua ou lingua compartida e máis do 80 % defínese como bilingüe.
Fonte: Gasteiz hoy
Un total de 25 organizacións vascas obtén o certificado de calidade na xestión lingüística Bikain

Este recoñecemento leva entregándose dende hai 8 anos coa finalidade de promover a consolidación do éuscaro no mundo laboral e empresarial. Con estas novas 25 certificacións xa suman 393 entidades co recoñecemento de calidade na xestión lingüística.
Fonte: El Diario
O programa de normalización lingüística EraMiak recibe o Premio Honorífico Lauaxeta 2019
Os galardóns, que outorga a Deputación Foral de Biscaia como recoñecemento á difusión e normalización do éuscaro e a cultura vasca, contan con varias categorías. O Premio Honorífico Lauaxeta deste ano recaeu no programa de normalización lingüística na Administración EraMiak, pola súa contribución ao fomento desta lingua no mundo laboral.
Fonte: Bizkaia Gaur
O mapa da diversidade lingüística de Guipúscoa revela que se falan máis de 130 linguas en toda a provincia

O mapa, elaborado polo Clúster de Sociolingüística, revela que, ademais do éuscaro e o castelán, existen na provincia arredor de 130 linguas das que só dez teñen máis de mil falantes. No que respecta ao éuscaro, fálano 400 000 persoas e enténdeno outras 100 000.
Fonte: EITB
Institucións vascas asinan un comunicado para poñer en valor o uso do éuscaro no seu día internacional

Diversas institucións asinan unha declaración polo Día Internacional do Éuscaro para continuar co fortalecemento da lingua, que debe estar en continua renovación, e poñer en valor a colaboración entre iniciativas sociais e institucionais.
Fonte: El Correo
Euskaraldia II, a iniciativa de impulso do éuscaro, terá lugar entre novembro e decembro de 2020
A segunda edición de Euskaraldia, o programa de promoción do uso do éuscaro, terá lugar entre o 20 de novembro e o 4 de decembro de 2020, 15 días máis que a primeira.
Fonte: 20 minutos
A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en política lingüística reúnese en Bilbao

A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, no que participan os gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana, celebrou a súa reunión ordinaria anual para abordar diferentes temas de interese para as políticas lingüísticas das súas respectivas comunidades e deseñar e coordinar accións conxuntas de promoción das súas linguas propias.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Goberno vasco aproba un decreto sobre o uso institucional e administrativo das linguas oficiais nos concellos

O Decreto sobre a normalización do uso institucional e administrativo das dúas linguas oficiais nas institucións locais de Euskadi recoñece e reforza a autonomía municipal para decidir, mediante ordenanza, regulamento ou plan, as directrices e os criterios de utilización, oral e escrita, de éuscaro e castelán.
Fonte: Naiz
Comeza a segunda fase de “Erraza da”, unha iniciativa para dinamizar o uso do éuscaro na hostalería da zona vella de Donostia

Despois da boa acollida da primeira edición da iniciativa “Erraza da”, o 9 de decembro comezará a segunda fase do programa, que contará cun novo dicionario, prolongación do primeiro, con vocabulario de uso frecuente para o sector da hostalería.
Fonte: DonostiaEuskaraz
Varios concellos de Biscaia comezan unha campaña para promover o éuscaro nas peixerías
Portugalete, Santurtzi e Sestao puxeron en marcha esta iniciativa que busca dar a coñecer o nome dos peixes en éuscaro a través de diversos carteis informativos, e invitar así a cidadanía a empregar o idioma no seu día a día.
Fonte: En Portugalete
Boletín
Subscríbase ao boletín