País Vasco
Os falantes de éuscaro en Lezo diminuíron nun 3,9 % nos últimos dous anos
Así o demostra o estudo realizado polo Clúster de Sociolingüística, que detectou un 32,6 % das conversas actuais na rúa en éuscaro fronte ao 36,5 % de 2016. Esta baixada dáse especialmente entre a mocidade, mentres que aumentou o número de falantes entre cativos de 2 a 14 anos.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Donostia pon en marcha o programa de lecer infantil en éuscaro Parketarrak

Ata o 31 de outubro catorce barrios da cidade de Donostia acollerán o programa de lecer en éuscaro Parketarrak destinado a nenas e nenos de 3 a 9 anos de idade e que ten como obxectivo aumentar o emprego desta lingua mentres xogan na rúa ou no parque.
Fonte: Ayuntamiento de Donostia
Unha nova iniciativa permitirá o impulso da publicidade programática en éuscaro
O Goberno vasco, xunto a EiTB e TOKIKOM, desenvolveu Euskal Private Market Place, un produto dirixido ás axencias de anuncios que queiran empregar o éuscaro nas súas publicacións, o que abre un novo mercado para os espazos de publicidade programática.
Fonte: Noticias press
A interface de consultas da biblioteca Europeana estará dispoñible en éuscaro
O Goberno vasco asinou un protocolo coa Fundación Europeana para posibilitar a tradución ao éuscaro da súa interface de consultas, que até o momento permitía a procura en 27 linguas das obras dixitalizadas de institucións culturais dos países da Unión Europea.
Fonte: La Vanguardia
O proxecto Euskaraldia provocou un aumento do uso do éuscaro entre as persoas participantes

Segundo un estudo elaborado por Soziolinguistika Klusterra sobre os resultados do proxecto Euskaraldia, as persoas que participaron na primeira edición incrementaron o seu uso do éuscaro máis dun 20 % ao longo dos días que durou a iniciativa e un 5,6 % nos tres meses posteriores.
Fonte: Noticias de Guipuzkoa
A Deputación de Biscaia e a Fundación Azkue organizan cursos para futuros youtubers en éuscaro
Con esta iniciativa quérese promover o uso do éuscaro en Youtube entre mozos e mozas. O curso inclúe dous obradoiros nos que se ensinarán os pasos básicos para a creación dunha conta e a edición dos primeiros vídeos.
Fonte: Cadena Ser
O Goberno vasco concédelle unha subvención á Mancomunidade de Municipios Euscaldúns para impulsar iniciativas de fomento do éuscaro
A cantidade da axuda concedida polo Goberno vasco a esta mancomunidade ascende a 75 000 euros e ten como obxectivo a posta en marcha de iniciativas de reforzo do éuscaro nos arnasgune (municipios cunha elevada proporción de persoas euscaldunas) e nas zonas nas que é a lingua prioritaria.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Bilbao lanza unha nova campaña para promover a matriculación nos euskaltegis
Tras coñecer que preto de 500 000 persoas pasaron por estes centros de ensinanza de éuscaro dende 1968, esta campaña busca continuar aumentando a cifra coa contribución de 209 000 euros, que se suman á xa realizada pola Consellería de Cultura e Política Lingüística no mesmo ámbito.
Fonte: El Correo
O Concello de Vitoria oferta cursos, obradoiros e axudas para aprender éuscaro

O Concello de Vitoria-Gasteiz puxo en marcha a campaña Ikasi eta erabili euskara. Merezi du! para anunciar as diferentes ofertas, axudas e actividades para aprender éuscaro. O prazo para inscribirse nos 85 grupos de aprendizaxe ofertados xa está aberto.
Fonte: Gasteiz Hoy
Errenteria acollerá novos cursos de éuscaro para persoas acabadas de chegar á comarca
Estes cursos básicos están dirixidos a persoas recentemente chegadas á comarca guipuscoana de Oarsoaldea para que aprendan éuscaro. Polo momento, a fase de inscrición permanece aberta e os cursos comezarán en outubro.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín