País Vasco
Segundo o informe Ekonometro, o 53,5 % dos economistas móstrase favorable a que as institucións promovan o éuscaro nas empresas

Os datos do último informe Ekonometro conclúen que máis da metade dos economistas está de acordo con que as Administracións promovan o uso do éuscaro no ámbito empresarial, aínda que o 46 % é contrario a que esta lingua se converta nun requisito. Estes profesionais si avogan pola inclusión do fomento do éuscaro como unha iniciativa de responsabilidade social empresarial, unha idea que apoia o 44 %.
Fonte: El Correo
A iniciativa para o impulso do éuscaro Euskaraldia terá unha nova edición no outono de 2020

Tras o éxito conseguido na edición anterior, na que participaron arredor de 220 000 persoas, Euskaraldia, a iniciativa para o fomento do uso cotián do éuscaro, volverá celebrarse en outono de 2020, para, a partir de entón, ter un carácter bianual.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Convócase a VI edición do concurso Euskararen Ginkana cuxo premio servirá para impulsar un proxecto a prol do éuscaro

O concurso Euskararen Ginkana chega á súa sexta edición, que constará de diferentes probas en éuscaro, presenciais e en liña, para realizar polos grupos participantes, que poderán estar integrados por entre catro e seis persoas. O premio será de 3000 euros para poñer en marcha un proxecto de fomento do éuscaro.
Fonte: Donostitik
Nace Gurot, un novo xogo en liña en éuscaro

Gurot é un xogo en liña, estilo Trivial, destinado a mozas e mozos de entre 12 e 17 anos que ten como obxectivo promover a utilización do éuscaro entre a xente nova. Ofrece preguntas sobre cultura vasca clasificadas en diferentes temas: sociedade, natureza, idioma, arte, cultura, ciencia, deportes e lecer.
Fonte: Deia
A Real Academia da Lingua Vasca incorpora 585 novidades ao seu dicionario

A Real Academia da Lingua Vasca incluíu 585 novidades na última edición do seu dicionario, de maneira que este reúne agora 46 180 formas. Esta institución revisa o dicionario continuamente e engade cada seis meses as modificacións á versión dixital.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Solicitan que o persoal da Administración do Estado poida acceder a formación presencial para aprender éuscaro
O sindicato ELA solicitoulles ás subdelegacións do Goberno en Euskadi que posibiliten a aprendizaxe do éuscaro mediante formación presencial ao persoal dependente da Administración Xeral do Estado xa que, actualmente, só se imparte en liña.
Fonte: Finanzas
A Real Academia da Lingua Vasca recibe unha subvención do Concello de Bilbao para a celebración do seu centenario

O Concello de Bilbao subvencionou con 25 000 euros a Real Academia da Lingua Vasca para a celebración de varios actos conmemorativos polo seu centenario, unha axuda que se enmarca dentro do Plan de Acción de Promoción do Éuscaro do Consistorio.
Fonte: La Vanguardia
Convócanse axudas para elaborar produtos que fomenten a presenza do éuscaro nas TIC

Esta convocatoria de subvencións, cuxa dotación orzamentaria alcanza os 200 000,00 euros, está destinada á elaboración de produtos que fomenten a presenza do éuscaro nas tecnoloxías da información e a comunicación no ano 2019.
Fonte: Gobierno Vasco
Máis do 90% dos novos axentes que se incorporan á Ertzaintza é bilingüe

Segundo datos proporcionados polo Goberno vasco, dos 940 axentes que participaron desde 2007 nos cursos de éuscaro para os niveis B2 e C1, menos da metade logrou o perfil lingüístico perseguido. No que respecta ás novas promocións, máis do 90 % dos ertzainas que se incorporan a este corpo é bilingüe castelán-éuscaro.
Fonte: El Diario
O Goberno Vasco reserva o 40 % das prazas de Medicina ás persoas que falen éuscaro
A Universidade do País Vasco reserva un 40 % de prazas da carreira de Medicina a alumnado que fale éuscaro. Segundo a Consellería de Educación, a normativa esixirá un nivel B2 de éuscaro para acceder a esa porcentaxe de prazas reservadas.
Fonte: Redacción médica
Boletín
Subscríbase ao boletín