País Vasco
Un total de case 2500 persoas participou no Día do Éuscaro
O Día do Éuscaro de Irún rexistrou a participación dunhas 2485 persoas. Tamén se sumaron ao evento grandes empresas da cidade, así como concellos e deputacións forais.
Fonte: Diario Vasco
A Universidade do País Vasco aproba o III Plan director do éuscaro para o período 2018-2022

Este plan ten como obxectivo aumentar a presenza e o uso do éuscaro en todos os ámbitos universitarios, así como ofrecer todas as materias obrigatorias nesta lingua. Perséguese así incrementar a cantidade de material docente e os recursos lingüísticos en éuscaro, e o número de teses de doutoramento internacionais e a repercusión das revistas científicas e as coleccións neste idioma.
Fonte: Deia
Nace un novo videoxogo infantil en éuscaro
Monike eta Joanes Antzinako Egipton é o nome deste novo proxecto, un dos poucos videoxogos narrativos que existen en éuscaro que trata as aventuras de dous nenos dentro da Gran Pirámide de Exipto.
Fonte: El Correo
Vitoria acolle a décima edición da entrega de certificados de calidade na xestión lingüística Bikain

O Goberno vasco entregou, no Palacio Europa de Vitoria, os certificados Bikain que recoñecen a calidade na xestión lingüística. Nesta décima edición concedéronse 20 destes certificados a entidades públicas e privadas: once lograron o nivel superior (Bikain Ouro), sete o nivel medio (Bikain Prata) e dúas o básico (Bikain Negro).
Fonte: La Vanguardia
A Deputación Foral de Biscaia destinará no 2019 un total de 2,33 millóns de euros para a promoción do éuscaro
Un total de 2,33 millóns de euros é o orzamento que destinará a Deputación de Biscaia en 2019 a subvencionar empresas, persoas xurídicas sen ánimo de lucro, concellos e mancomunidades para que fomenten e difundan a presenza do éuscaro na sociedade.
Fonte: 20 minutos
Ponse en marcha en Donostia unha campaña para dar a coñecer o éuscaro entre os turistas

A campaña “Easy Guide To Euskara” pretende dar a coñecer o éuscaro e a cultura vasca entre os visitantes á capital donostiarra, así como animalos a que o utilicen durante as súas vacacións.
Fonte: Ayuntamiento de Donostia
Apróbase o Plan estratéxico para o fomento do éuscaro (2019-2022) da Deputación de Áraba

O Plan estratéxico para o fomento do éuscaro, aprobado polo Consello de Goberno da Deputación Foral de Áraba, ten como obxectivo promover o uso desta lingua no territorio arabés así como no condado de Treviño.
Fonte: 20 minutos
Multiplícase por seis o persoal do Servizo Vasco de Saúde con perfil lingüístico adecuado ao seu posto

Segundo o Goberno vasco, desde 2003 sextuplicouse a porcentaxe de traballadoras/es de Osakidetza que contan co perfil lingüístico adecuado á súa praza, ao pasar do 7,6 % ao 46,6 %.
Fonte: El Diario
O Museo Guggenheim presenta plataforma web en éuscaro

A nova plataforma web creada polo Museo Guggenheim de Bilbao, chamada Artitz, recolle un fondo documental en éuscaro con máis de 1300 documentos de 44 exposicións realizadas dende a súa apertura en 1997.
Fonte: Ser
A sociedade pública vasca Osatek contará cun plan propio de normalización do uso do éuscaro

A sociedade pública Osatek, dependente do Departamento de Saúde do Goberno vasco, contará cun instrumento de planificación propio para o período 2018-2022 para avanzar na normalización do uso do éuscaro na sanidade vasca. O obxectivo é que se converta en lingua de traballo deste organismo e poder así garantir os dereitos lingüísticos das persoas usuarias.
Fonte: Noticias Press
Boletín
Subscríbase ao boletín