País Vasco
Varios concellos de Biscaia poñen en marcha unha campaña para potenciar os modelos en éuscaro en Bacharelato e Formación Profesional

Varios municipios de Biscaia puxeron en marcha un ano máis a campaña 'Nahi dudalako!', co obxectivo de animar o alumnado que cursa 4º da ESO a escoller os modelos en éuscaro en Bacharelato e Formación Profesional. A través da web da iniciativa (www.nahidudalako.eus) achegan información relativa a diferentes temas, como os centros educativos que ofrecen a oportunidade de estudar nesta lingua.
Fonte: 20 minutos
A iniciativa "Auzolan digitala" permitirá contar cun sistema para o recoñecemento de voz en éuscaro

A asociación Librezale, xunto a Iametza Interaktiboa e o laboratorio de cultura dixital e tecnoloxía de TabakaleraHirikilabs, puxo en marcha 'Auzolan digitala', un proxecto que ten como obxectivo desenvolver un sistema de código aberto para o recoñecemento de voz en éuscaro.
Fonte: Diario Vasco
Un estudo salienta a importancia do deporte para impulsar o uso do éuscaro na mocidade

Segundo unha investigación, que os adestradores se comuniquen en éuscaro resulta de grande importancia para fomentar o uso desta lingua entre a mocidade. Para conseguilo, apuntan a necesidade de que os clubs xeren as condicións para que o deporte se converta nun enlace entre os hábitos lingüísticos das aulas, onde o éuscaro está moi presente, e os da rúa.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Deputación de Áraba organizará un novo campamento de verán de inmersión en éuscaro

A Deputación Foral de Áraba estreará este verán, na última semana de xullo, un novo campamento de inmersión no éuscaro, para mozas e mozos de 12 e 13 anos, denominado Euskalaka, cuxo principal obxectivo será afondar nesta lingua a través da edición de vídeos e a aprendizaxe de redes sociais.
Fonte: Noticias de Álava
A Comisión de Éuscaro de Oarsoaldea apoiará as oficinas de servizos para que traballen nesta lingua
Catro concellos vascos (Lezo, Errenteria, Pasaia e Oiartzun) apoiarán a comisión de Éuscaro de Oarsoaldea na axuda que esta prestará ás oficinas de servizos (xestorías, inmobiliarias, seguros e administradores de terreos) para impulsar nelas a normalización da lingua vasca e aumentar a súa presenza.
Fonte: Diario Vasco
Edítase a tradución ao éuscaro dos escritos de George Steer sobre a Guerra Civil no País Vasco

O Goberno vasco presentou a tradución ao éuscaro dos episodios relacionados coa Guerra Civil acontecidos en Euskadi escritos polo xornalista británico George Steer. A obra, traducida pola autora Koro Navarro, leva por título Gernikako arbola. Gerra modernoaren landa-azterketa bat.
Fonte: Noticias de Navarra
Un total de 30 axentes sociais asina compromisos para impulsar a normalización do éuscaro

Trinta axentes sociais de diferentes ámbitos asinaron compromisos para impulsar a normalización do éuscaro no marco do proxecto 'Aro berriari, Klika'. Korrika e AEK, organizadores desta iniciativa, esperan que se vaian unindo máis nun futuro, para o que habilitaron unha páxina web na que se poderán ir sumando máis organizacións.
Fonte: Deia
Ponse en marcha unha campaña para que os traballadores de hostalería da Zona Vella de Donostia aprendan éuscaro

O Concello de Donostia e a Asociación de Hostalería de Guipúscoa poñen en marcha a campaña Erraza da que ten como obxectivo que o persoal deste sector que traballa na Zona Vella da cidade aprenda éuscaro para poder atender a clientela nesta lingua.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Ondarroa e Lekeitio súmanse á campaña para fomentar a lectura en éuscaro impulsada por Topagunea

As bibliotecas públicas de Ondarroa e Lekeitio sumáronse á campaña 'Irakurri gozatu eta oparitu', que chega á súa décimo terceira edición e que ten como obxectivo fomentar a literatura en éuscaro.
Fonte: El Correo
Guipúscoa acolle máis dun cento de linguas e habitantes procedentes de 165 países

Segundo un estudo, en Guipúscoa fálanse máis de cen linguas e habitan persoas dun total de 165 países. Ademais, resalta a importancia de recoñecer estes idiomas para que esta poboación de orixe estranxeira, que supón un 9,5 %, valore o éuscaro.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Boletín
Subscríbase ao boletín