País Vasco
A Deputación de Guipúscoa anima a cidadanía a realizar en éuscaro a declaración da renda

A Deputación de Guipúscoa quere animar a cidadanía a que presente a declaración da renda en éuscaro e pasar das 74 000 ás 100 000 liquidacións nesta lingua en 2022. Para acadar este obxectivo publicou un breve dicionario con termos técnicos que sirva de axuda nesta iniciativa.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Azkoitia concederalles axudas ás empresas para o desenvolvemento de plans de éuscaro

O Concello de Azkoitia concederá como máximo a cada empresa 2000 euros anuais, que se complementarán coa subvención que reciban do Goberno vasco, para desenvolver plans de éuscaro. Entre os requisitos para solicitar a axuda figuran dispoñer de domicilio social e fiscal en Azkoitia e que o plan estea deseñando ou que se estea a desenvolver no exercicio en que se concede esta.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Bilbao pon en marcha un plan para fomentar o emprego do éuscaro entre o funcionariado
A Xunta de Goberno local de Bilbao aprobou un novo plan de normalización do éuscaro, cuxa vixencia se estenderá ata 2022, co obxectivo de fomentar o uso desta lingua entre o persoal do Consistorio e que se centrará en dous eixes de actuación: o servizo á cidadanía e o traballo interno do funcionariado.
Fonte: El Correo
O portal de Turismo do País Vasco ofrece información para Semana Santa en cinco linguas
O portal oficial de Turismo de Euskadi conta cunha nova sección con propostas para Semana Santa que se poderá consultar en cinco idiomas: éuscaro, castelán, inglés, francés e alemán.
Fonte: La Vanguardia
O 80% dos organismos deportivos biscaíños emprega o éuscaro

Un total de 35 das 44 federacións deportivas de Biscaia utiliza o éuscaro e forma parte do programa Bizkaia Kirola Ere Euskeraz (BIKEE). O obxectivo para este ano 2019 é alcanzar as 40 para aumentar a presenza desta lingua na súa actividade diaria.
Fonte: El Correo
O Concello de Portugalete impulsa a rotulación en éuscaro dos establecementos comerciais
O Concello de Portugalete concede desde 2013 axudas económicas aos establecementos comerciais que desexan colocar rótulos bilingües ou en éuscaro nos locais. Este ano poderán beneficiarse destas subvencións, ademais dos comercios, a hostalería e os servizos do municipio.
Fonte: En Portugalete
O plan de normalización do éuscaro de Osatek busca garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía
Desde a aprobación o pasado 3 de decembro de 2018 do Plan de normalización do uso do éuscaro de Osatek 2018-2022 avanzouse xa en varios aspectos. O obxectivo é que esta sociedade pública, dependente do Departamento vasco de Saúde, garanta os dereitos lingüísticos dos pacientes e converta o éuscaro na súa lingua de traballo.
Fonte: NoticiasPress
O Concello de Vitoria-Gasteiz aproba o IV Plan para a normalización do uso do éuscaro
O Concello de Vitoria-Gasteiz aprobou o cuarto Plan para a normalización do uso do éuscaro, un documento que inclúe medidas para impulsar a presenza desta lingua e garantir o seu uso nas comunicacións orais e escritas que o consistorio mantén coa cidadanía.
Fonte: Gasteiz Hoy
O Goberno vasco destinará 400 000 euros a impulsar o éuscaro en Iparralde
O Goberno vasco e a Oficina Pública da Lingua Vasca de Iparralde ratificaron o seu compromiso para colaborar co fomento do éuscaro en Iparralde, ao que ambos os organismos destinarán 1 930 000 euros.
Fonte: Eitb
O Concello de Galdakao aproba o VI Plan de uso do éuscaro para o período 2019-2022
O Concello de Galdakao aprobou o VI Plan de uso do éuscaro 2019-2022 que ten entre os seus obxectivos o respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía, a utilización da lingua vasca na Administración ou o seu fomento como lingua vehicular no contorno laboral.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín