Xeral
Créase unha guía de entrevistas sobre o cambio climático en castelán, galego, éuscaro e catalán

A Asociación de Periodistas de Información Ambiental (APIA) presenta unha guía práctica que proporciona fontes bibliográficas, datos sobre as principais ONG ecoloxistas e movementos sociais, un decálogo de boas prácticas e recomendacións para que os xornalistas realicen cada vez máis entrevistas nas que o medio ambiente sexa o tema transversal, co obxectivo de que se divulguen en varias seccións dos diferentes medios de comunicación de proximidade.
Fonte: La Vanguardia
A Comisión Europea estuda a viabilidade de incluír o galego, o éuscaro e o catalán na plataforma de aprendizaxe de linguas en liña
A CE comprométese a estudar fórmulas para integrar o galego, o catalán e o éuscaro nesta plataforma destinada a axudar aos participantes do programa Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade a mellorar os seus coñecementos dunha lingua.
Fonte: Galicia Press
O Instituto Nacional de Estatística ofrece novos datos sobre o uso e o coñecemento da lingua catalá

O INE fixo públicos recentemente os datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas correspondentes ao ano 2021 que sinalan que arredor de 13 millóns de persoas entenden o catalán en todo o Estado español, onde, tamén apuntan, é a segunda lingua inicial e que a saben falar 11,5 millóns de persoas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Tribunal Constitucional permite o uso das linguas cooficiais nos procesos xudiciais sempre e cando non produzan a indefensión dalgunha das partes
Despois de resolver unha solicitude de amparo dunha empresa que reclamaba ter recibido unha resolución en catalán, o Tribunal avala o uso das linguas cooficiais sempre que non se produza unha indefensión constitucionalmente relevante derivada da súa utilización.
Fonte: RBD Noticias
Créase a versión en catalán da aplicación WiFi Map
Xa se pode utilizar a aplicación líder en detectar e acceder a redes wifi por todo o mundo en catalán, unha acción promovida pola Plataforma per la Llengua e que converte a lingua catalá no 19.º idioma no que se ofrece WiFi Map.
Fonte: El Nacional.cat
A marca Euskaraz barra-barra identificará espazos nos que falar en éuscaro

Os Gobernos vasco e navarro e a Oficina Pública da Lingua Vasca presentaron a marca Euskaraz barra-barra que identifica espazos para falar en éuscaro no comercio e a hostalería. Trátase dun proxecto que se irá estendendo a todos os territorios onde se fala esta lingua e que inicialmente se restrinxirá ao ámbito privado.
Fonte: Gobierno Vasco
As universidades españolas son as máis comprometidas coas linguas minoritarias

Unha investigación da Universidade de Alacant analizou o uso das diferentes linguas na comunicación dixital en contornos multilingües, poñendo o foco nos contidos de webs e de redes sociais de 88 universidades do Espazo Europeo de Educación Superior. Entre as conclusións destaca a escasa presenza de linguas minoritarias, agás nas universidades españolas, e a baixa implantación do inglés.
Fonte: Alpha Galileo
O director da Real Academia Española aposta pola comunicación e a colaboración co galego, o catalán e o éuscaro
A Real Academia Española e o Instituto de Estudos Cataláns, a Real Academia Galega e a Real Academia da Lingua Vasca celebraron un encontro en Cádiz no que se abordou a necesidade de mellorar a colaboración e a comunicación como vías para promover a diversidade lingüística e fortalecer o plurilingüismo en España.
Fonte: La Vanguardia
Galicia, Baleares, Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco e Navarra reclámanlles ás plataformas audiovisuais maior diversidade lingüística nos seus contidos

Os gobernos de Baleares, Valencia, Cataluña, País Vasco, Navarra e Galicia, membros da comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, acordaron nunha reunión mantida en Palma enviarlles un escrito ás principais plataformas audiovisuais para trasladarlles a importancia dunha ampla oferta de contidos nas linguas oficiais diferentes ao castelán.
Fonte: Galicia Confidencial
As queixas por discriminación lingüística en universidades de Cataluña, Valencia e Baleares ascenderon a 56 no primeiro cuadrimestre
Plataforma per la Llengua recibiu 56 queixas por discriminación lingüística en universidades de Cataluña, Valencia e Baleares que se reparten así: 24 porque unha materia que se tiña que impartir en catalán finalmente se impartiu noutra lingua; outras 24 pola falta de oferta de materias en catalán; e oito por vulneración doutros dereitos lingüísticos.
Fonte: Última Hora
Boletín
Subscríbase ao boletín