Xeral
Prospera no Senado unha emenda a prol das linguas minoritarias do Estado
O Senado votou maioritariamente a prol de incluír unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 relativa á promoción e á difusión das linguas protexidas pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias por un importe de 1,6 millóns de euros.
Fonte: Galicia Confidencial
A Real Academia Española e Microsoft asinan un acordo para promover un uso correcto do español no universo dixital

Este acordo ten como obxectivos fomentar un uso correcto do español na intelixencia artificial e garantir a unidade desta lingua con todas as súas variedades. A iniciativa enmárcase no proxecto LEIA que naceu para normativizar o bo uso do idioma nas máquinas.
Fonte: Real Academia Española
Créase un grupo de linguas eurorrexional para fomentar o catalán e o occitano
A Eurorrexión Pireneos Mediterránea creou un grupo de linguas para impulsar o catalán e o occitano, que son as linguas propias dos territorios que engloba, isto é, Cataluña, Baleares e Occitania. Este grupo porá en marcha dous proxectos piloto: un para fomentar o seu uso entre a mocidade nas redes sociais e outro para intercambiar experiencias no ensino para adultos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un grupo de familias pon en marcha unha iniciativa para pedir espazos vitais que faciliten a comunicación en éuscaro
A iniciativa Arnas Dezagun ten como obxectivo denunciar a dispersión do alumnado falante de éuscaro, así como pedirlles ás Administracións e aos centros educativos que se garantan espazos vitais cómodos para comunicarse nesta lingua.
Fonte: Naiz
As plataformas audiovisuais deberán ofertar o 6 % dos seus contidos en galego, éuscaro ou catalán

Plataformas audiovisuais como Netflix, HBO ou Amazon Prime Video deberán ofrecer un 6 % dos seus contidos en galego, catalán ou éuscaro. Así se recollerá na nova lei audiovisual que prepara o Goberno español, que ademais tamén obrigará a incorporar subtítulos nestas linguas sempre que sexa posible.
Fonte: El Periódico
As televisións autonómicas À Punt, IB3 e TV3 lanzan unha plataforma dixital para a colaboración lingüística e cultural

Cataluña, Baleares e a Comunidade Valenciana crean unha canle dixital para afianzar os lazos lingüísticos e culturais que as unen. Bon Dia TV convértese así nunha plataforma web para compartir contidos audiovisuais en lingua catalá.
Fonte: El Diario
O Ministerio de Cultura e Deporte promoverá o galego, o catalán e o éuscaro nas plataformas dixitais
O ministro de Cultura e Deporte anunciou a posta en marcha de medidas na futura lei do audiovisual co obxectivo de incrementar a presenza do galego, o catalán e o éuscaro en plataformas dixitais como Netflix, HBO ou Filmin.
Fonte: El Diario
A maioría das grandes marcas do sector téxtil xa etiqueta as súas prendas en catalán
O catalán deixou de ser residual na industria téxtil e a grandes marcas que inclúen etiquetaxe nesta lingua representan o 65 % da facturación do sector en España.
Fonte: Plataforma per la Llengua
A nova edición do Viquimarató de la Llengua Catalana centrarase na música en catalán

Do 5 ao 12 de novembro celébrase o VIII Viquimarató de la Llengua Catalana, iniciativa que este ano estará centrada na música cantada en catalán. O obxectivo é mellorar e ampliar os contidos de todos os elementos (letras, estilos, actuacións etc.), perfís (grupos, compositores etc.) e xéneros musicais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Segundo un informe, arredor de 4,5 millóns de persoas do dominio lingüístico catalán falan habitualmente esta lingua

Segundo os datos de xaneiro de 2020 do InformeCAT 2021, a poboación do dominio lingüístico catalán que fala habitualmente esta lingua reduciuse en medio millón con respecto a 2005. Ademais, oito de cada dez catalanfalantes cambian de lingua cando se dirixen a eles en castelán.
Fonte: Diari Més
Boletín
Subscríbase ao boletín