Xeral
Poñen en marcha unha iniciativa para impulsar o uso do catalán nas redes sociais a través de adhesivos nesta lingua

A Plataforma per la Llengua creou trece adhesivos en catalán en formato GIF que se poderán empregar libremente en diferentes redes sociais. O obxectivo da iniciativa é impulsar o uso desta lingua en todos os ámbitos.
Fonte: DBalears
O Congreso aproba unha proposición non de lei para a incorporación da lingua de signos ao sistema educativo

A Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade do Congreso apoiou por unanimidade unha proposición non de lei pola que se insta o Goberno a incorporar a lingua de signos no sistema educativo.
Fonte: La Mar de Onuba
A lingua de signos española contará cun dicionario normativo impulsado pola Real Academia Española

Este novo dicionario materializarase nunha web na que se recollerán máis de 3500 signos. Aínda que non se coñecen datas para este proxecto, si se sabe que todas as acepcións do dicionario serán presentadas en formato vídeo e foto.
Fonte: RTVE
A Confederación Estatal de Persoas Xordas reclama que as linguas de signos española e catalá se equiparen ao resto de linguas do Estado
Fixérono a través dun comunicado no que avogan pola protección xurídica destas linguas. Reclaman a creación dunha estratexia nacional baseada no seu recoñecemento como transmisoras de ideas e coñecemento e na necesidade de respectar os dereitos lingüísticos das persoas xordas.
Fonte: Servimedia
Os gobernos vasco e navarro e a Oficina da Lingua Vasca colaborarán en materia de política lingüística

O Goberno vasco, o Goberno de Navarra e a Oficina Pública da Lingua Vasca continuarán a colaborar en materia de política lingüística. As liñas previstas para 2019 centraranse no ensino de éuscaro a adultos, a certificación de competencias lingüísticas, e a promoción do seu emprego e a investigación sobre esta.
Fonte: El Diario
Preséntase unha plataforma para reclamar igualdade de dereitos das linguas cooficiais

Acció Cultural del País Valencià (ACPV), A Mesa pola Normalización Lingüística, CIEMEN, Iniciativa pol Asturianu, Kontseilua - Euskararen Gizarte Erakundeen, Nogará, Omnium Cultural e Plataforma per la Llengua son as oito entidades que se uniron para crear a Plataforma Estatal pola Pluralidade Lingüística, cuxo obxectivo é acabar cunha Administración central monolingüe e garantir a igualdade de dereitos no uso das linguas cooficiais.
Fonte: 20 minutos
Preséntase un volume de Tintin traducido ao galego, o éuscaro, o valenciano, o aragonés, o aranés e o castúo

O Salón do Cómic de Barcelona acolleu a presentación das novas edicións de Las joyas de la Castafiore en galego, éuscaro, valenciano, aragonés, aranés e castúo. Coa tradución a estas linguas búscase poñer en valor a diversidade lingüística que caracteriza as obras de Hergé.
Fonte: El Independiente
Unha nova aplicación axudará a atopar parella lingüística para practicar catalán

A Plataforma pola Lingua, coa colaboración dos gobernos de Baleares, Cataluña e Comunidade Valenciana, puxo en marcha a aplicación Apparella’t, que ten como obxectivo atopar parella lingüística para practicar catalán.
Fonte: Mallorca Diario
A Real Academia Española recibirá do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades cinco millóns de euros para a súa modernización
O Goberno español vai destinar cinco millóns de euros á Real Academia Española para a modernización da institución, así como para velar polo uso correcto do castelán na era dixital ou elaborar dicionarios.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno propón un complemento salarial extra para o funcionariado que fale algunha das linguas cooficiais do Estado

O Goberno español acordou cos sindicatos a creación dun novo complemento salarial extra para o funcionariado do Estado que poida atender o público tanto en castelán como en calquera das outras linguas cooficiais, isto é, galego, éuscaro ou catalán.
Fonte: La Información
Boletín
Subscríbase ao boletín