Xeral
O catalán figura entre as corenta linguas que estarán dispoñibles no novo tradutor simultáneo de Google

O catalán é un dos idiomas escollidos por esta multinacional para os novos auriculares que funcionan coa aplicación de Google Assistant, xunto co inglés, o xaponés, o árabe, o finés, o cingalés, o armenio, o francés, o coreano, o eslovaco, o bengalí, o alemán, o letón, o español, o grego, o suahili, o chinés, o sueco, o islandés, o portugués ou o italiano, entre outros.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Nace Archiletras, un espazo de debate sobre o uso do español

O proxecto Archiletras contará cunha páxina web que servirá de espazo de debate sobre o uso da lingua española. Ademais, terá soporte en papel, cunha revista divulgativa trimestral e outra de carácter científico de periodicidade semestral.
Fonte: La Vanguardia
A Real Academia da Lingua Vasca convértese na máxima institución do éuscaro no País Vasco francés
A Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaindia será a máxima institución oficial do éuscaro no País Vasco francés, como en Euskadi e en Navarra, logo da sinatura dun convenio coa Mancomunidade Única de Iparralde, Elkargoa.
Fonte: ABC
Medra un 445 % o número de persoas que estudan catalán nas escolas de idiomas
O catalán foi o idioma que máis aumentou en número de matrículas no ano 2017, ao pasar de 757 a 3368 estudantes en toda España. Malia este aumento, o éuscaro segue a ser a lingua cooficial con máis matrículas nas escolas oficiais de idiomas, con 8146 persoas matriculadas. Estes datos foron publicados polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Fonte: El Confidencial
O alumnado de primaria de Cataluña, a zona oriental de Aragón e a Comunidade Valenciana poderá crear o seu propio xogo interactivo en catalán

A Plataforma pola Lingua abriu o pasado 3 de setembro a inscrición para unha nova edición do Concurso Tisner de creación de xogos en catalán. O obxectivo desta iniciativa é amosarlles ao alumnado e ao profesorado a faceta lúdica e creativa desta lingua. As iniciativas deben conter unha proposta inédita que desenvolva o aspecto creativo do catalán. O prazo de inscrición rematará o 16 de novembro.
Fonte: El Confidencial Autonómico
A Axencia Tributaria non atende chamadas en galego, catalán e valenciano
O grupo Konecta, adxudicatario do servizo de cita previa telefónica da Axencia Tributaria, está a incumprir o seu contrato ao non atender chamadas en galego, catalán e valenciano, malia que o prego de condicións obriga a esta empresa a facelo.
Fonte: El Diario.es
Un proxecto transfronteirizo mellorará a dixitalización do éuscaro, o aragonés e o occitano

Grazas a este programa, denominado Poctefa Linguatec, será posible transferir coñecementos e desenvolver solucións lingüísticas. Así mesmo, permitirá continuar avanzando para crear un clúster transfronteirizo de tecnoloxías lingüísticas.
Fonte: ABC
Editan o primeiro dicionario bilingüe guaraní-español
Javier Cruz, representante internacional da Asemblea do Pobo Guaraní de Bolivia, é o autor do primeiro dicionario indíxena, que sairá á luz dentro de quince días coa tradución desta lingua nativa ao español. O dicionario do guaraní tamén sairá en edicións en catalán, vasco e valenciano, explicou Cruz na Feria Internacional de Turismo de Madrid (Fitur).
Fonte: La Voz de Galicia
Preséntase un dicionario para traducir palabras de español, catalán e inglés ao sistema de signos internacional
A empresa audiovisual catalá Multisignes presentou o seu novo dicionario interactivo (formato CD-Rom) que traduce do inglés, español e catalán a sistema de signos internacional en formato de vídeo.
Fonte: Diario Signo
O Ministerio de Educación prestará atención aos alumnos de Ceuta e Melilla cuxa lingua materna non é o castelán
O Ministerio de Educación introducirá o vindeiro ano medidas para atender a falta de competencia lingüística en castelán dos estudantes de Ceuta e Melilla cuxa lingua materna non é o español.
Fonte: Ceuta al Día
Boletín
Subscríbase ao boletín