España
As persoas privadas de liberdade nas prisións vascas recibirán clases de éuscaro
O Goberno vasco asina un acordo co Instituto de Alfabetización e Reeuscaldunización de Adultos-HABE para o ensino do éuscaro nos tres cárceres vascos para o que destinará unha partida de 100 000 euros en 2024.
Fonte: Gobierno Vasco
Ponse en marcha nas Illas Baleares unha campaña para explicarlles ás familias a oportunidade que supón aprender catalán
A Xarxa Educativa per la Llengua pon en marcha esta campaña informativa pola que repartirán polos centros educativos folletos traducidos en nove linguas, entre elas, chinés, árabe, italiano, francés, alemán ou inglés.
Fonte: Última Hora
Actualízase a guía para aprender catalán desde o urdú

A Generalitat de Cataluña reedita a guía Aprenem català des de l’urdú, unha actualización que ten como obxectivo ofrecerlles unha versión renovada ás persoas falantes de urdú que queren aprender catalán.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno vasco crea un premio para recoñecer o labor de persoas que traballan a prol da normalización do éuscaro

O premio Kiroletik Bagoaz Euskaraz ten como obxectivo recoñecer as iniciativas a favor do éuscaro impulsadas no ámbito deportivo por asociacións e particulares. Na súa primeira edición o galardón vai para o psicólogo Aritz Olagoi.
Fonte: Gobierno Vasco
O organización Elite Taxi quere que se lle esixa o B2 de catalán a quen exerza de taxista
Elite Taxi esíxelle ao Goberno unha nova política lingüística para o sector en Cataluña e que inclúa a obriga de acreditar o nivel B2 de catalán para exercer.
Fonte: Diari Més
Convócase unha nova bolsa para impulsar a creación literaria en éuscaro

O Goberno vasco e a Fundación BBVA asinaron un convenio de colaboración para crear a Bolsa Xabier Lete cuxo obxectivo é promover a creación literaria en éuscaro. Outorgaranse 70 000 euros para que escritoras e escritores poidan dedicar un ano ao seu proxecto literario.
Fonte: Gobierno Vasco
Solicitan a Paradores a incorporación da toponimia tradicional asturiana nos tres establecementos que ten en Asturias
Iniciativa pol Asturianu trasladoulle a Paradores as súas propostas a través dunha carta, na que, ademais do tema da toponimia, tamén facían referencia á tradución ao asturiano da web da rede hoteleira ou a incorporación de obras nesta lingua ás súas bibliotecas.
Fonte: La Voz de Asturias
O Concello de Durango organiza cursos de acollida lingüística para persoas migrantes
Os cursos AISA de acollida lingüística para persoas inmigrantes maiores de 16 anos teñen como obxectivo iniciarse na aprendizaxe do éuscaro. A súa duración é de 60 horas e son de balde.
Fonte: Durangon
O Concello de Sestao organiza actividades de fomento do éuscaro fóra do horario escolar
A iniciativa, que se desenvolve ao abeiro dos programas Berbontzi e MintzaOn, está dirixida a alumnado de primaria. O obxectivo é que nenos/as e adolescentes dispoñan de posibilidades de usar o éuscaro e relacionarse nesta lingua fóra do ámbito escolar.
Fonte: Tele 7
A Universidade Autónoma de Barcelona organiza unha actividade de sensibilización lingüística
«No em racialitzis, parla'm en català. Drets lingüístics universals» é o título desta actividade que ten como obxectivo concienciar os falantes de catalán das razóns que os levan a falar unha determinada lingua e dos beneficios de manter o catalán con todo tipo de interlocutores.
Boletín
Subscríbase ao boletín