España
O Goberno vasco organiza un congreso que o axude a incrementar o uso do éuscaro no ámbito laboral

Baixo o título «Languages Lanean», este congreso, que se celebrará os días 18 e 19 de xaneiro en Bilbao, abordará a xestión lingüística no mundo laboral para coñecer experiencias que axuden ao incremento no uso do éuscaro neste ámbito.
Fonte: Deia
Un estudo analiza a influencia do contexto social e ideolóxico no éuscaro
Naroa Anabirtate é a autora do traballo Things that are (said) and things that are not: A brief look at the ideological context of the Basque lenguage, no que analiza a importancia dos contextos ideolóxicos na evolución do éuscaro.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Plataforma per la Llengua organiza un concurso para a creación de xogos de catalán
Máis de 1500 alumnas/os de 28 escolas diferentes participan na novena edición dun concurso no que elaborarán xogos para aprender aspectos da cultura, a lingua e as tradicións do dominio lingüístico catalán.
Fonte: Plataforma per la Llengua
O cumprimento do perfil lingüístico no Servizo Vasco de Saúde non será obrigatorio para o persoal sanitario extracomunitario
O persoal médico e de enfermería extracomunitario que desexe acceder ao Servizo Vasco de Saúde poderá facelo sen cumprir o perfil lingüístico, aínda que o coñecemento do éuscaro si será obrigatorio para quen acceda a través dunha Oferta Pública de Emprego.
Fonte: Redacción Médica
Convócase a primeira proba anual de coñecemento de asturiano
A Academia da Lingua Asturiana convocou para o 27 de xaneiro a primeira proba de coñecemento do nivel de asturiano, que inclúe unha parte oral e outra escrita.
Fonte: La Voz de Asturias
«Xentrificación» convértese en neoloxismo do ano 2023 en asturiano
A Academia da Lingua Asturiana incorporará ao seu dicionario a palabra «xentrificación», escollida como neoloxismo do ano nunha votación popular a través das redes sociais na que obtivo o 33 % dos apoios.
Fonte: InfoAsturies
A Generalitat de Cataluña pon en marcha doce medidas de fomento do catalán no sistema universitario e de investigación
Esta ducia de medidas, que supuxeron un investimento de máis de dous millóns de euros, teñen como obxectivo impulsar o uso do catalán no ámbito do coñecemento e están destinadas á acollida lingüística dos estudantes de mobilidade, a proxectos lingüísticos nas universidades, á acreditación lingüística do profesorado, á información sobre o respecto dos dereitos lingüísticos etc.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Amezketa convoca subvencións para a veciñanza que decida aprender éuscaro
O consistorio entregaralles as subvencións directamente ás persoas que estuden éuscaro, para que paguen a matrícula. Para optar a estas axudas, deben ser maiores de idade; ter un nivel mínimo de asistencia do 75 % nos niveis A1, A2, B1, B2 e do 80 % no nivel C1; e matricularse nun centro recoñecido por Habe.
Fonte: El Diario Vasco
A Generalitat de Cataluña apoia a incorporación do catalán en máis de cincuenta produtos tecnolóxicos

En total recibiron apoio 56 proxectos grazas a unha liña de subvencións, á que se destinou 1,6 millóns de euros nos anos 2022 e 2023, para a incorporación do catalán aos produtos tecnolóxicos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Cámara Alta destina arredor de 750 000 euros a tradutores de catalán, éuscaro, galego e valenciano
O Senado licitou un contrato por un importe máximo de 756 000 euros para os servizos de tradución e interpretación das intervencións que se realicen en galego, éuscaro, catalán e valenciano durante as sesións parlamentarias desta Cámara.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín