España
A Deputación Foral de Áraba fomenta o uso do éuscaro nas adegas

As adegas da Rioxa Arabesa e da comarca de Ayala contarán cun servizo de fomento do éuscaro ofrecido pola Deputación Foral ao abeiro do programa Lanabes, unha iniciativa para impulsar o uso desta lingua no ámbito empresarial e socioeconómico.
Fonte: Diputación Foral de Álava
Un estudo mostra que a mocidade de municipios euscaldúns consome maioritariamente contidos audiovisuais en castelán

A Mancomunidade de Municipios Vascos sinala no estudo El consumo audiovisual en los municipios euskaldunes que é urxente apostar pola creación de contidos audiovisuais en éuscaro, xa que os novos modelos de consumo das plataformas dixitais ou videoxogos están a repercutir nos hábitos lingüísticos da mocidade.
Fonte: El Correo
O Goberno de Aragón edita un folleto do Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido con case 500 topónimos

A publicación do folleto, que pertence á colección “Toponimia Aragonesa”, ten o obxectivo de favorecer a conservación deste patrimonio lingüístico e a súa transmisión e difusión a toda a poboación en xeral. Contén un mapa do Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido e unha lista dos topónimos, que tamén recollen a historia deste emblemático lugar.
Fonte: Heraldo
A Federación Asturiana de Concellos abre o prazo de preinscrición para os seus cursos de asturiano
Os cursos de asturiano do proxecto Falamos da Federación Asturiana de Concellos desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro e as persoas interesadas xa poden preinscribirse a través da páxina web deste proxecto.
Fonte: La Nueva España
Volve a iniciativa Parketarrak para crear o hábito de xogar empregando o éuscaro
O programa de lecer en éuscaro destinado a nenas e nenos de 3 a 9 anos volve a partir do 4 de outubro ata o 2 de novembro. Parketarrak xa reuniu máis de 300 nenas e nenos e familias para mellorar a súa capacidade de comunicación en éuscaro e fomentar o uso desta lingua na rúa.
Fonte: Diario Vasco
Lanzan unha proposta para a euscaldunización plena do sector público vasco en quince anos
Os sindicatos ELA e LAB e o Consello de Organismos Sociais do Éuscaro, Kontseilua, piden, a través da súa proposta, que se estableza un prazo de quince anos para que se garantan uns coñecementos mínimos de éuscaro en todos os empregos públicos e que se poida atender a cidadanía nesta lingua.
Fonte: Deia
O municipio de Ròtova contará cun plan de normalización lingüística para difundir o uso do valenciano
Trátase dun plan piloto creado pola Unidade de Normalización Lingüística da Deputación de Valencia para apoiar municipios pequenos e difundir o uso e a presenza do valenciano a través dunha serie de accións que se desenvolverán dentro ou fóra do concello durante tres meses.
Fonte: Saforguia
A Confederación Estatal de Persoas Xordas reivindica a promoción e a protección das linguas de signos e da súa comunidade lingüística

O presidente da CNSE denuncia a falta de concienciación e os prexuízos que aínda existen sobre as linguas de signos e como estes problemas afectan as persoas que as utilizan. Por este motivo, piden políticas públicas que garantan os seus dereitos lingüísticos en todas as etapas e ámbitos da vida e propoñen a inclusión destas linguas no artigo 3 da Constitución Española, ao mesmo nivel que as demais linguas do Estado.
Fonte: Servimedia
A Academia Valenciana da Lingua realiza unha enquisa sobre actitudes lingüísticas no sur da comunidade autónoma
Os resultados desta enquisa sobre actitudes lingüísticas no sur da Comunidade Valenciana coñeceranse previsiblemente no primeiro trimestre de 2023. O obxectivo da iniciativa é coñecer as opinións da cidadanía sobre o valenciano para poder deseñar proxectos e actuacións no territorio.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno vasco pretende diferenciar entre os niveis oral e escrito de éuscaro para asignar os perfís lingüísticos no sector público
Entre as novidades do borrador do novo decreto que regula o proceso de normalización do éuscaro no sector público, proponse diferenciar os niveis de expresión oral e escrita asignados a cada posto de traballo e poder establecer un perfil lingüístico intermedio.
Fonte: Noticias de Álava
Boletín
Subscríbase ao boletín