España
Créase un programa de actividades para promover o catalán fóra das aulas en Reus
O Centro de Normalización Lingüística da Área de Reus Miquel Ventura (CNL) crea Xalem! para favorecer o uso do catalán en espazos de ocio, a través da organización de diferentes actividades culturais gratuítas dirixidas ás persoas que o están aprendendo. O programa levarase a cabo en varios puntos do territorio do CNL e contará, entre outros, con obradoiros de teatro e rap, espectáculos infantís e visitas ao exterior.
Fonte: Diari Més
As próximas películas de Disney en catalán estarán presentes nas principais plataformas audiovisuais
As próximas estreas en catalán das películas de Disney estarán dispoñibles nalgunhas das principais plataformas de vídeo (Prime Video, Apple TV app, Google Play e Rakuten TV), o que contribuirá á normalización do mercado audiovisual nesta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Seis de cada dez cataláns apoian a oficialidade do catalán na UE

Segundo unha enquisa do Centro de Estudos de Opinión, un 60 % da poboación de Cataluña quere que o catalán sexa recoñecido como lingua oficial da Unión Europea. Un 32 % estaría de acordo e un 28 %, moi de acordo con esta medida.
Fonte: El Nacional.cat
A asociación Axuntar presenta un informe sobre a situación do galego na área do Eo-Navia
O Concello de Boal (Asturias) acolleu a presentación do Informe lingüístico del Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, un documento divulgativo que ofrece datos sobre a realidade lingüística e sociolingüística actual desta área.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A comunidade educativa vasca pide que a nova lei de educación recolla un modelo xeneralizado en éuscaro
A maioría sindical do ensino vasco, así como outras entidades demandan que a futura lei de educación sitúe o éuscaro como lingua de ensinanza e aprendizaxe e apostan por un modelo lingüístico xeneralizado e inclusivo de maneira que se garanta a igualdade e a cohesión social.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O Concello de Elx presenta catro campañas para fomentar o valenciano en establecementos e centros educativos
Entre as iniciativas destacan, por unha banda, a campaña «Esperant llegint!», pola que se distribuirán libros de autores valencianos en lugares con zonas de agarda (clínicas dentais, notarías...); ou, por outra, a repartición entre os centros educativos de infantil e de primaria dun xogo de cartas para recuperar a tradición dos monstros valencianos da festividade de Todos os Santos.
Fonte: Ajuntament d'Elx
O Concello de Valencia crea unha páxina web con recursos sobre formación e promoción do valenciano

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Valencia conta cunha nova páxina web que ofrece todo tipo de recursos informativos, divulgativos e de promoción sobre o valenciano.
Fonte: El Periòdic
Spotify incluirá neste mes de outubro o catalán entre as 63 linguas nas que está dispoñible a súa aplicación

Ao abeiro da alianza entre o FC Barcelona e Spotify, a empresa sueca incorporará o catalán entre os idiomas nos que está dispoñible a súa aplicación móbil. Así mesmo, xa están a traballar para que esta lingua estea tamén presente na versión web da plataforma.
Fonte: FC Barcelona
Eivisa retoma o voluntariado lingüístico para animar a aprendizaxe do catalán
O Instituto de Estudos Eivisencos e o Concello de Eivisa organizan un ano máis o Voluntariado Lingüístico para poñer en contacto a persoas que falan catalán con outras que queiran aprendelo ou, simplemente, practicalo.
Fonte: Diario de Ibiza
O Concello de Vitoria e o centro comercial El Boulevard asinan un convenio para impulsar o uso do éuscaro

Este convenio marco servirá para afianzar a colaboración entre ambas as entidades e o seu compromiso para impulsar o uso do éuscaro na cidade e no centro comercial. Para comezar, estase a realizar unha análise sobre a situación lingüística de El Boulevard.
Fonte: Norte Exprés
Boletín
Subscríbase ao boletín