España
Os iPhone con iOS 16 xa poden ler textos en galego, catalán, valenciano e éuscaro

Unha das novidades de iOS 16 é que o sistema pode ler contidos en idiomas cooficiais como catalán, éuscaro, galego e valenciano. De momento, o que desenvolveu Apple son as voces básicas nestas linguas para poder ler texto a persoas que necesiten esa función de accesibilidade.
Fonte: Applesfera
Unha nova campaña anima á matriculación nos euskaltegis de Bilbao para aprender éuscaro
Baixo o lema «Euskararekin irabazi egingo duzu/ Con el euskera ganarás», o Concello de Bilbao pon en marcha unha nova campaña de matriculación nos euskaltegis da cidade que incide nas vantaxes de aprender e usar esta lingua nos diferentes ámbitos.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
Palma acolle a Semana do Libro en Catalán na que se reivindica o uso social desta lingua
A Semana do Libro en Catalán, que ten como lema «La llengua que ens uneix», celebrarase ata o 18 de setembro nunha edición que apostará pola unidade da lingua catalá e por reivindicar o seu uso social.
Fonte: Última Hora
O Concello de Sant Josep inaugura un novo punto de autoaprendizaxe de catalán
Trátase do segundo punto da autoaprendizaxe do municipio, un servizo gratuíto que ofrece o Concello que consta de varias sesións titorizadas de catalán dos niveis inicial, medio e superior, así como de linguaxe administrativa.
Fonte: Diario de Ibiza
A metade do novo alumnado da Universidade do País Vasco estudará en éuscaro

Arredor de 8300 novos estudantes están matriculados xa na Universidade do País Vasco. Respecto ao idioma, o 53,5 % realizará os seus estudos de grao en grupos de éuscaro e o 46,5 %, en castelán.
Fonte: EITB
Un millón de usuarios de LinkedIn cambiaría a configuración desta rede social para ter a interface e o perfil en catalán
Ademais, segundo a mesma enquisa, un 35 % dos cataláns que non teñen LinkedIn usaríano se incorporase a lingua catalá, unha porcentaxe que se incrementa ata o 48 % no caso da xente nova.
Fonte: Plataforma per la Llengua
O Concello de Vitoria-Gasteiz organiza cursos de éuscaro para nais e pais
Xa está aberto o prazo de matriculación para os cursos de éuscaro dirixidos a nais e pais cunha campaña que ten como lema «Concilia a túa vida co éuscaro».
Fonte: EITB
León acolle unhas xornadas nas que se analizarán as diferentes linguas que se falan na Ruta Xacobea
Do 5 ao 9 de setembro celébranse as xornadas «Las lenguas del Camino» que inclúen seis conferencias sobre a historia, a evolución e a situación actual das linguas que se falan por onde discorren as distintas rutas do Camiño de Santiago no norte da península.
Fonte: Gente
Un ciclo de música servirá para reivindicar a lingua aragonesa
O Centro de Interpretación do Aragonés acollerá o festival MosiCasbas que ten como obxectivo poñer en valor esta lingua a través da música. En total, celebraranse catro concertos cada domingo desde o 11 de setembro ata o 2 de outubro.
Fonte: El Periódico de Aragón
O Consorcio para a Normalización Lingüística organiza novos cursos de catalán
En total ofrécense máis de 1300 cursos de catalán de todos os niveis que suporán unhas 28 500 prazas. Respecto á modalidade, poderán ser presenciais ou en liña, e tamén semivirtuais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín