España
Créase o primeiro centro de interpretación do aragonés
O Centro de Interpretación do aragonés “Ana Abarca de Bolea” é o primeiro espazo estable para a investigación, promoción e difusión desta lingua, onde se dará a coñecer a súa historia e como se fala en cada un dos lugares nos que se conserva.
Fonte: Diario del Alto Aragón
O Concello de Amurrio pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do éuscaro no comercio
A nova edición da campaña “Eskatu euskaraz eta saria irabazi”, á que se adheriron 28 establecementos, ten como obxectivo fomentar o uso do éuscaro en comercios, empresas de servizos e bares do municipio.
Fonte: Noticias de Álava
Preséntase Punttuka, un método de aprendizaxe en éuscaro de lectoescritura en braille

O conselleiro navarro de Educación presentou Punttuka, o primeiro método de aprendizaxe de lectoescritura en éuscaro dirixido a alumnado de infantil e primaria, tanto en tinta como en braille.
Fonte: Noticias de Navarra
Oviedo acolle unha manifestación para reclamar a oficialidade do asturiano
Con motivo da celebración da Semana das Letras Asturianas, máis de 2000 persoas percorreron as rúas de Oviedo para reclamarlle ao Goberno do Principado que impulse a oficialidade do asturiano.
Fonte: El Comercio
O Goberno vasco presenta Gaitu, o Plan de acción das tecnoloxías da lingua 2021-2024

Este plan ten como obxectivo integrar o éuscaro nas tecnoloxías da lingua, así como reforzar o papel da Administración como tractora no ámbito destas tecnoloxías e reducir a distancia entre o éuscaro e outras linguas.
Fonte: EITB
Arranca a edición de 2022 do Foro de Empresas de Áraba para continuar traballando a prol do éuscaro
Este foro está formado por unha rede de empresas que empregan o éuscaro como lingua de traballo e de comunicación coa clientela, e que destacan pola súa xestión lingüística. Nesta edición de 2022 búscase identificar accións e persoas para seguir avanzando nos obxectivos do proxecto.
Fonte: Gasteiz Hoy
As empresas guipuscoanas recibirán máis axudas se emiten as facturas en éuscaro

A Deputación de Guipúscoa concederá axudas para fomentar a dixitalización do comercio, a hostalería e outras actividades do territorio. Este ano a convocatoria presenta unha novidade e é que estas axudas serán un 20 % superiores se se emiten os tíckets en éuscaro (1200 euros, fronte aos 1000 para os que os emitan en castelán).
Fonte: Diario Vasco
Publícase un novo dicionario aranés-catalán

O novo dicionario aranés-catalán é obra de Jusèp Loís Sans Socasau e conta con máis de 30 000 entradas. Esta obra completa o proxecto lexicográfico bilingüe entre ambas as linguas que suma así preto de 70 000 entradas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O FC Barcelona e Òmnium Cultural asinan un acordo para promover o uso do catalán
Os presidentes do FC Barcelona e Òmnium Cultural asinaron un acordo de colaboración para os vindeiros catro anos polo que ambas as entidades se comprometen a traballar conxuntamente na promoción da lingua e a cultura catalás.
Fonte: El Periódico
A Generalitat Valenciana impulsará un regulamento lingüístico

O futuro decreto de capacitación lingüística, que regulará o nivel de coñecemento de valenciano necesario para o acceso á Función Pública, suporá unha boa oportunidade para incorporar esta lingua ao mesmo nivel que o castelán.
Fonte: Generalitat Valenciana
Boletín
Subscríbase ao boletín