España
Apróbase a creación do Observatorio Global do Español
O Goberno de España creará o Observatorio Global do Español, que terá a súa sede na Rioxa, un centro de análise e prospectiva que fomentará o coñecemento e o prestixio desta lingua, así como das culturas hispánicas no proceso de transformación dixital.
Fonte: Fundéu
Ponse en marcha unha campaña para demandar un impulso do valenciano no sistema educativo

Baixo o lema «Ensenyants pel valencià», unha nova campaña insta as institucións públicas a facer un esforzo lexislativo e económico para deter o retroceso do valenciano no sistema educativo. Todas as persoas que o desexen poden apoiar esta iniciativa a través da web www.ensenyantspelvalencia.org.
Fonte: Plataforma per la Llengua
O principal órgano consultivo da Generalitat de Cataluña avala a constitucionalidade da lei sobre o uso das linguas oficiais nas aulas
A nova lei sobre o uso e a aprendizaxe das linguas oficiais na educación non universitaria axústase, de acordo co ditame do Consello de Garantías Estatutarias, á Constitución e ao Estatuto.
Fonte: El Periódico
Nove de cada dez interinos da Administración vasca acreditaron o perfil de éuscaro do seu posto
Na Administración xeral do País Vasco, máis do 90 % do persoal interino acreditou o perfil lingüístico do seu posto, en función das características do servizo e o traballo que realizan, o que garante a correcta execución en éuscaro das súas funcións.
Fonte: El Diario
O Goberno de Navarra convoca axudas para a aprendizaxe do éuscaro
Esta convocatoria, á que se destinaron 300 000 euros, está dirixida ás persoas adultas que queiran aprender éuscaro. As subvencións concederanse ás modalidades de internado, cursos extensivos e intensivos, autoaprendizaxe e cursos específicos.
Fonte: Gobierno de Navarra
Estréase un documental sobre a lingua galega no Bierzo

O documental Fálame sempre versa sobre a lingua galega no territorio do Bierzo e está dirixido por Umberto Corral. Trátase dun proxecto colectivo elaborado por un equipo pequeno que se desprazou por varias localidades da zona para coñecer a súa situación lingüística.
Fonte: El Bierzo Digital
Preséntase o proxecto Anima-Euskera, unha homenaxe a cinco personaxes que mantiveron vivo o éuscaro e a cultura en Navarra
O proxecto Anima-Euskera é unha homenaxe audiovisual e ilustrada a cinco personaxes que mantiveron vivo o éuscaro e a cultura en Navarra: Perpetua Saragüeta, Mariano Izeta, Julia Fernández Zabaleta, Ceferina Fontellas e Juan de Amendux.
Fonte: Diario de Navarra
O Concello de Xàtiva organiza unha campaña de promoción do valenciano a través dos sobres de azucre
Ao abeiro dunha campaña de promoción lingüística que ten como lema «En valencià és més dolç», o Concello de Xàtiva repartirá entre os establecementos hostaleiros do municipio máis de 170 000 sobres de azucre con frases feitas e refráns en valenciano.
Fonte: El Periòdic
A Federación Guipuscoana de Fútbol presenta o seu Plan estratéxico do éuscaro

O Plan estratéxico do éuscaro é produto do compromiso da Federación Guipuscoana de Fútbol que, consciente da importancia do deporte para a transmisión da lingua, quere usar o seu liderado e o seu papel como referente para fomentar o seu uso nas relacións internas e externas, nos partidos e nos adestramentos.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Generalitat de Cataluña presenta unha batería de medidas para incrementar a presenza do catalán nas aulas universitarias

O Plan de fortalecemento do catalán no sistema universitario foi asinado por todas as universidades públicas e privadas, agás a Abat Oliba. O obxectivo deste plan é que en 2025 nas universidades o 80 % das clases se imparta nesta lingua.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase ao boletín