España
Constitúese formalmente a Rede de Normalización Lingüística do Principado de Asturias

A Rede de Normalización Lingüística do Principado quedou constituída formalmente tras a celebración da súa primeira reunión, á que asistiron representantes dos 21 municipios que contan con servizo lingüístico, así como da Universidade de Oviedo. O obxectivo deste novo organismo é reforzar a coordinación entre a Administración autonómica e os concellos para impulsar o uso do asturiano e do eonaviego.
Fonte: Centro Emisor de Occidente
Netflix incorpora os primeiros títulos subtitulados ou dobrados en catalán
Froito do compromiso entre o Departamento de Cultura e Netflix, a plataforma de vídeo a demanda incorporou a primeira ducia de títulos dos 70 que vai incluír cada ano.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os profesionais da xustiza que exerzan en Cataluña deberán contar co nivel C1 de catalán
A conselleira de Xustiza afirmou que se lles esixirá aos profesionais do ámbito xudicial que traballan en Cataluña o nivel C1 de catalán, algo que xa acontece na Comunidade Valenciana.
Fonte: El Nacional
A Generalitat de Cataluña convoca axudas de fomento do catalán para entidades sen ánimo de lucro
Xa está aberto o prazo para que as entidades sen ánimo de lucro soliciten axudas para proxectos de fomento do catalán. Esta convocatoria ten como obxectivo promover actuacións en ámbitos como o laboral e empresarial, dixital, sociosanitario, deportivo, cultural e de lecer.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña convoca axudas para a incorporación do catalán aos produtos tecnolóxicos e aos videoxogos

Esta convocatoria de axudas, que conta cunha dotación de 175 000 euros, ten como obxectivo fomentar o uso do catalán no ámbito tecnolóxico e está dirixida a empresas que queiran ofrecer produtos dixitais con versión nesta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Descende lixeiramente o emprego do éuscaro na Comunidade Foral de Navarra

Segundo un estudo, o emprego do éuscaro en Navarra sufriu un descenso de 0,8 puntos respecto a 2016. Como dato positivo sinálase un incremento no número de falantes entre a poboación máis nova, o que podería considerarse un sinal de recuperación social desta lingua.
Fonte: El Diario
Anulan o Plan trianual 2018-2020 de normalización do éuscaro no Servizo Vasco de Emprego
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vitoria anulou o devandito plan pola súa incidencia en dous aspectos vinculados ás condicións de traballo do persoal: a necesidade de avanzar 15 puntos no éuscaro como lingua de traballo e o paso dun 60,48% a un 69,86% de preceptividade.
Fonte: La Vanguardia
Navarra, País Vasco e Iparralde renovan o seu compromiso para seguir colaborando en temas de política lingüística

Os Gobernos de Navarra e o País Vasco e mais a Oficina Pública da Lingua Vasca asinaron o anexo de 2022 do Protocolo xeral para a promoción do éuscaro co que acordaron as actuacións para este ano en áreas como o ensino desta lingua a persoas adultas, o fomento do seu uso, a promoción do idioma ou o impulso de estudos sociolingüísticos.
Fonte: Gobierno Vasco
A Asociación de Farmacéuticos Euscaldúns e a Universidade do País Vasco subscriben un acordo para a promoción do éuscaro
Ambas as entidades colaborarán para fomentar o uso do éuscaro no ámbito da profesión farmacéutica e da farmacia comunitaria e para difundir entre o alumnado da Facultade de Farmacia a oferta formativa, as convocatorias de premios e outras accións de interese.
Fonte: Comunicae
As ferramentas dixitais para a difusión e o coñecemento do aragonés superan os 4,5 millóns de consultas

A web, que puxo en marcha a Dirección Xeral de Política Lingüística a finais de 2016, recibiu nestes anos máis de tres millóns de visitas e unha media diaria de 3500. Contén información sobre o aragonés e o catalán de Aragón, recursos didácticos, toponimia, documentación etc.
Fonte: AraInfo
Boletín
Subscríbase ao boletín