España
A RAE e o Goberno impulsan o proxecto Leia para mellorar o uso do español no desenvolvemento da intelixencia artificial

A Real Academia Española (RAE) e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital asinaron un convenio para impulsar o proxecto «Lengua Española e Inteligencia Artificial (LEIA)», co que se buscar mellorar o uso do español nos ámbitos en que se desenvolve a intelixencia artificial.
Fonte: Real Academia Española
A Deputación Foral de Guipúscoa destinará case un millón de euros ao fomento do éuscaro
Diferentes tipos de entidades (asociacións, concellos...) serán os destinatarios da partida de 967 718 euros que a Deputación dedicará á promoción do éuscaro, en concreto, a actividades como plans locais de normalización lingüística ou a creación e difusión de contidos nesta lingua utilizando as TIC.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Ponse en marcha unha campaña para dar a coñecer o léxico asturiano vinculado coa cultura da sidra

‘La sidra, como siempre se dixo’ é o lema desta campaña impulsada polo Goberno do Principado e para a que se crearon 60 000 folletos e 2000 carteis. A iniciativa pretende dar a coñecer entre a cidadanía o vocabulario en asturiano vinculado coa cultura da sidra.
Fonte: Asturies.com
Un total de 24 empresas da comarca de Arratia comprométese coa promoción do éuscaro no ámbito socioeconómico

As empresas, a asociación Gorbeialdea e Zulaibar Lantegi Ikastegia asinaron un convenio coa fundación Errota para beneficiarse dos servizos gratuítos que ofrece eusGara para aumentar a presenza do éuscaro no ámbito socioeconómico: servizo de tradución, asesoramento lingüístico, xestión de axudas ou actividades formativas.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco prepara un novo decreto sobre a normalización do uso do éuscaro na Administración

Este novo decreto, que o Goberno vasco pretende aprobar a principios de 2023, quere incorporar as sociedades dependentes do sector público vasco ás condicións que se establecen na normativa vixente relativas aos requisitos sobre o coñecemento do éuscaro e o castelán.
Fonte: Deia
Un vídeo mostra o éxito de catro empresas que fan negocio en catalán

A Fundación Vincle gravou un vídeo no que representantes de catro empresa de éxito explican a rendibilidade de facer negocios en catalán, con argumentos baseados na súa experiencia profesional.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno vasco e a Oficina Pública do Éuscaro constitúen un fondo común para impulsar actividades dos axentes privados de Iparralde
Este fondo común, de 1 930 000 euros, empregarase para impulsar a euscaldunización de persoas adultas, para o que se continuarán os traballos de creación do perfil de nivel B2 en Iparralde e se mellorará o tradutor éuscaro-francés desenvolvido polo Goberno vasco.
Fonte: Noticiero Universal
Unha mobilización reivindica en Palma o dereito a vivir en catalán
Un centenar de persoas manifestouse en Palma convocadas por Enllaçats per la Llengua, á que se adheriron 17 entidades, polo dereito a vivir en catalán.
Fonte: Última Hora
Barcelona acolle unha manifestación a prol da inmersión en catalán nas escolas
A manifestación, convocada por parte da comunidade educativa, tiña como obxectivo rexeitar o cambio da lei de política lingüística e esixir que se blinde a inmersión en catalán nas escolas.
Fonte: Público
Convócase o III Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria/A Seabra

O Premio Morales ten catro categorías: debuxo inspirado no poema ‘A Santísima Virgen da Quinta Angustia’ (para infantil e primaria), peza literaria relacionada coa mesma obra (categorías diferenciadas para alumnado de secundaria e bacharelato ou da Escola Oficial de Idiomas e maiores de idade) e proposta de normalización lingüística centrada no Bierzo (público xeral).
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín