España
Lanzan unha campaña para sensibilizar sobre o papel dos docentes cataláns como referentes lingüísticos
Plataforma per la Llengua e varios sindicatos poñen en marcha a segunda fase da campaña «Tots som referents lingüístics. No t'excusis!» que inclúe a publicación dunha guía con consellos para os docentes e a difusión nas redes sociais de vídeos humorísticos.
Fonte: Alerta
O CSIC abre o prazo para presentar textos en galego, castelán, catalán ou éuscaro ao seu certame de relatos científicos

O prazo para a presentación de textos ao certame de relatos científicos Inspiraciencia permanecerá aberto ata o 22 de maio de 2022. Deberán estar escritos en galego, castelán, catalán ou éuscaro e abordar temas científicos. Como novidade, nesta edición haberá un premio especial para os relatos que traten sobre intelixencia artificial.
Fonte: El Periodic
A Generalitat Valenciana crea unha guía de conversa plurilingüe para atender as persoas chegadas de Ucraína
A Generalitat busca persoas voluntarias que saiban ruso ou ucraíno e valenciano ou castelán para que actúen como mediadoras de idiomas. Así mesmo, creou unha guía con expresións básicas nas mencionadas linguas, ademais do inglés, e unha plataforma para traducir documentos relacionados con trámites básicos.
Fonte: Levante-EMV
Un total de 370 persoas empregou ata o momento o novo Servizo de Dinamización Lingüística do Concello de Palma
O Servizo de Dinamización Lingüística creouse en xullo de 2020, en plena pandemia, co que iniciou o seu funcionamento un ano despois. Ata o momento alcanzou os 370 usuarios/as que participaron de diferentes actividades como obradoiros, clubs de lectura, vistas guiadas etc.
Fonte: Diario de Mallorca
O Goberno das Illas Baleares lanza unha convocatoria de axudas destinada aos medios de comunicación en catalán
A convocatoria de axudas para os medios de comunicación en catalán deste ano, destinada a asegurar a continuidade e a estabilidade dos medios que empregan esta lingua, así como promover a súa presenza neste sector, incrementou a súa partida orzamentaria ata os 700 000 euros.
Fonte: Govern Illes Balears
O Concello de Vitoria publica unha guía para fomentar o emprego do éuscaro nas súas ludotecas

Esta guía para o fomento do uso do éuscaro foi elaborada cos educadores e Geu Elkartea e distribuirase polas ludotecas para ofrecerlle consellos de euscaldunización ao persoal que traballa nestes espazos.
Fonte: El Correo
O Concello de Treviño traballa na elaboración do seu segundo plan de éuscaro
Este segundo plan de éuscaro ten como obxectivo facilitar a aprendizaxe desta lingua entre a veciñanza que o desexe, pero sen facer mención á normalización do éuscaro neste enclave para evitar a impugnación da Junta de Castela e León.
Fonte: Noticias de Álava
O Goberno vasco e as deputacións forais renovan o convenio para subvencionar os medios de comunicación en éuscaro

Grazas a este novo convenio, que estará vixente para o período 2022-2024, destinaranse 11,5 millóns de euros anuais ao financiamento dos medios de comunicación privados en éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
A Generalitat de Cataluña realizaralle unha enquisa ao alumnado sobre o uso das linguas nos centros educativos
A enquisa, dirixida ao alumnado de 6º de Primaria, 4º de ESO, 2º de Bacharelato e 2º de ciclos formativos de grao medio e superior, inclúe preguntas sobre o uso das linguas catalá e castelá no centro educativo, dentro e fóra da aula.
Fonte: Magisterio
Publícanse por primeira vez materiais para a autoaprendizaxe de lingua de signos catalá

As primeiras cápsulas interactivas para iniciarse na aprendizaxe de lingua de signos catalá acaban de ser publicadas. Nestas doce cápsulas trátanse temas como as fábulas, os sentidos e a xeografía, presentados nunha plataforma aberta e gratuíta.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín