España
O Goberno de Cataluña aproba a creación dun órgano para reforzar o papel do catalán como lingua vehicular no ensino

O Consello Lingüístico Asesor, presidido pola profesora Carme Junyent, será o novo órgano que velará polo reforzo do papel do catalán como idioma vehicular no ensino e que se encargará de definir as estratexias necesarias para impulsar esta lingua nos centros educativos de Cataluña.
Fonte: 20minutos
O Concello de Bilbao ofrece ao longo do mes de marzo actividades gratuítas para o fomento do éuscaro
O proxecto Darabilbao, destinado a persoas que queren mellorar o seu nivel de éuscaro, ten como obxectivo impulsar o uso desta lingua no tempo de lecer. Entre as iniciativas organizadas, inclúense seis actividades para familias con menores de entre 4 e 12 anos.
Fonte: Deia
Increméntase a carga horaria da materia de asturiano no Bacharelato
A conselleira de Educación anunciou o incremento no Bacharelato da carga horaria da materia de lingua asturiana, que actualmente é dunha hora, así como un reforzo na etapa de Infantil. Ademais, abordou a creación da especialidade docente de asturiano, que afecta ás condicións das persoas interinas.
Fonte: La Voz de Asturias
Ponse en marcha en Valls unha campaña de fomento do uso do catalán no comercio local

O Concello de Valls organizou unha iniciativa para animar os comerciantes do municipio a que utilicen sempre o catalán no momento de iniciar unha conversa coa clientela e que se manteñan falando esta lingua.
Fonte: Diari Més
Varias sentenzas fixan que o peso do valenciano e do castelán na educación manteña un equilibrio entre ambas as linguas
O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana fixou en cinco sentenzas que o peso do valenciano e do castelán na educación plurilingüe manteña unha proporción razoable e garde un equilibrio nos horarios lectivos e na súa repartición entre as materias troncais.
Fonte: 20minutos
Varios colectivos navarros defenden o modelo educativo en éuscaro por consideralo o máis inclusivo
Colectivos do ámbito da educación e o éuscaro, así como organizacións sindicais, animan as familias navarras a matricular os seus fillos e fillas no modelo D, que na súa opinión permite alcanzar unha competencia avanzada nesta lingua e en castelán e adecuada en inglés.
Fonte: Noticias de Navarra
O Parlamento balear aproba unha iniciativa para reclamar que o novo DNI europeo inclúa o catalán
O Parlamento balear aprobou unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno español a inclusión do catalán no novo modelo de DNI electrónico europeo, un documento que non incorpora tampouco o galego nin o éuscaro, pero si o inglés, que non é oficial en España.
Fonte: Diario de Mallorca
Preséntase un dicionario de termos en catalán da COVID-19 con equivalencias en nove linguas, entre elas o galego

A Fundación Dr. Antoni Esteve e o TERMCAT presentan o Diccionari multilingüe de la COVID-19: Cinc-cents termes per a entendre la pandemia, unha obra lexicográfica que inclúe 500 termos relacionados coa COVID-19, coa definición en catalán e os equivalentes en nove linguas: galego, occitano, éuscaro, castelán, inglés, francés, portugués (variantes de Portugal e do Brasil), neerlandés e árabe.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ponse en marcha un concurso de memes sobre a lingua catalá
O servizo Optimot celebra 14 anos cun concurso de memes que se deben publicar entre o 23 de febreiro e o 2 de marzo relacionados con calquera tema de lingua (vocabulario, gramática, literatura, tradución, terminoloxía etc.).
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Plataforma Vasca da Industria reúnese para establecer os retos para este ano en relación co uso do éuscaro nas empresas
Durante a primeira reunión xeral de 2022, a Plataforma Vasca da Industria (Indeus), creada para fomentar o uso do éuscaro no ámbito industrial, analizou o traballo realizado o ano pasado e definiu os desafíos para este.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín