España
Celébrase a semana das linguas de Aragón con actividades dedicadas á literatura, historia e ás interaccións entre o aragonés, o catalán e o castelán
Durante as actividades programadas pola Universidade de Zaragoza no seu campus de verán de Xaca entre o 14 e o 16 de xullo, varios especialistas revisarán a historia e a realidade actual da literatura aragonesa escrita en aragonés e catalán. Tamén se analizarán as interaccións entre estas dúas linguas e o castelán en distintos territorios.
Fonte: AraInfo
O Consorcio para a Normalización Lingüística crea o programa “Comerços aprenents” para fomentar a aprendizaxe do catalán

O programa do consorcio busca facilitar o uso do catalán na atención ao público do comercio local e garantir que as persoas con pouco coñecemento desta lingua que traballen nos establecementos comerciais teñan acceso á súa aprendizaxe.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Real Academia da Lingua Vasca actualiza o seu dicionario de éuscaro con 592 novas formas lingüísticas

Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, incorpora termos actuais como koronabirus, telelangutza, gobernantza ou heteropatriarkal ao seu dicionario de éuscaro Euskaltzaindiaren Hiztegia.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello de Bilbao convoca o V Concurso de Relato Breve AntiRumor “¡Que no te calen!” en éuscaro e castelán
No marco do II Plan Municipal de Cidadanía e Diversidade, o Concello promove a narración de relatos en éuscaro e castelán que fomenten a convivencia en diversidade e acheguen unha nova perspectiva sobre as persoas migrantes.
Fonte: 20 minutos
O TermAst publica unha proposta sobre a terminoloxía de deportes e probas olímpicas
Xa se pode consultar a nova proposta do Centro de Terminoloxía Asturiana, que publicou a “Terminoloxía de deportes y pruebes olímpiques”. Trátase da terminoloxía asturiana dos Xogos olímpicos.
Fonte: Diario Alerta
Ofrécense cursos de valenciano e castelán a persoas migrantes en Valencia

A Vicepresidencia e Consellería de Igualdade e Políticas Inclusivas e o Centro de Idiomas da Universidade de Valencia colaboran para fomentar a inclusión das persoas migrantes a través da aprendizaxe das linguas oficiais da Comunidade Valenciana, co obxectivo de poderen atopar traballo ou acceder aos servizos básicos da sanidade, da educación e dos servizos sociais.
Fonte: El Periòdic
O Goberno de Navarra renova o seu compromiso para seguir traballando en política lingüística a través do convenio Hiruko Ituna 2021
O Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno vasco, Relacións Cidadás e Euskararen erakunde publikoa-Office public de la langue basque (o Organismo Público da Lingua Vasca) seguen colaborando en materia de política lingüística a través do convenio Hiruko Ituna. O seu obxectivo para este ano é establecer un plan de actuación específico para promover o éuscaro desde a educación e o ensino da lingua a persoas adultas, fomentar o seu uso e as investigacións sociolingüísticas e cooperar no marco europeo.
Fonte: Goberno de Navarra
O Consell de Mallorca destina 80 000 euros a subvencións para a promoción do catalán
O Consell de Mallorca outórgalles unha subvención nominativa de 60 000 euros á Institución Pública Antoni Maria Alcover e outra de 20 000 euros á Escola Municipal de Mallorquí para promover a lingua catalá, a cultura e as tradicións mallorquinas.
Fonte: Última Hora
Actualízase o dicionario en liña Terminologia de la ciberseguretat con novos termos
O Termcat publica unha nova edición do dicionario en liña con sesenta termos novos, que fan referencia sobre todo a novos tipos de ciberataque e que foron elaborados coa colaboración da Axencia de Ciberseguridade de Cataluña e outros expertos deste ámbito e co apoio do Goberno de Andorra.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ofrécense obradoiros de robótica en éuscaro para escolares de terceiro a sexto de primaria

O Concello de Éibar organiza obradoiros de robótica durante os últimos días de agosto e os primeiros de setembro, impartidos no servizo dirixido á mocidade gazteleku Indianokua, para que nenos e nenas descubran o mundo da ciencia e da tecnoloxía en éuscaro.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín