España
O Concello de Valencia lanza “Creixent al Caliu” para fomentar o uso do valenciano na primeira infancia
O Gabinete de Normalización Lingüística impulsa unha campaña para incentivar a transmisión do valenciano entre as familias e fomentar valores como o da diversidade nas nenas e nos nenos.
Fonte: 20minutos
Nace unha nova campaña para divulgar as vantaxes do uso do catalán en empresas e comercios

A Fundación Vincle puxo en marcha unha campaña baixo o lema “El català és negoci”, co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, para fomentar o uso do catalán en empresas e comercios e mostralo como un investimento rendible.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno destaca a importancia das linguas de signos española e catalá como bens de patrimonio cultural inmaterial
O director xeral de Discapacidade do Ministerio de Dereitos Sociais anuncia que abrirá un expediente para declarar as linguas de signos española e catalá, e as súas expresións culturais, como bens de patrimonio cultural inmaterial. O obxectivo é garantir a súa difusión, documentación, investigación e preservación.
Fonte: El Plural
O Goberno valenciano presenta unha aplicación para aprender a lingua de signos
A Consellería de Educación e a Federación de Persoas Xordas da Comunidade Valenciana presentan “De llengua a llengua”, unha aplicación para dispositivos móbiles que incentiva o ensino da lingua de signos tanto para persoas xordas como para persoas oíntes co obxectivo de favorecer a inclusión plena deste colectivo na sociedade e de dar a coñecer a súa cultura e as súas características.
Fonte: El Diario
Nace un novo recurso para aprender catalán de maneira oral fóra da aula

A Dirección Xeral de Política Lingüística crea Ep! Interactiu, que ofrece actividades baseadas en imaxes e sons para aprender estruturas sinxelas e vocabulario básico a todas as persoas que queiran aprender a dominar o catalán oralmente ou consolidar o que aprenderon na aula. Este recurso tamén vai dirixido a profesorado para adultos, a través dunha ferramenta con actividades en liña para as súas aulas virtuais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O valenciano estará presente na promoción turística das comarcas de Castelló
A deputada de Turismo e a Plataforma pola Lingua reuníronse para establecer diferentes vías de acción co obxectivo de potenciar o uso institucional do valenciano. A inclusión desta lingua nas campañas de promoción turística é un compromiso coa cidadanía, xa que ten o dereito a recibir información na lingua que fala.
Fonte: Castellón Información
O Goberno de Navarra achega 190 000 euros para colaborar coa Real Academia da Lingua Vasca na investigación do éuscaro
A conselleira de Relacións Cidadás e o presidente da Real Academia da Lingua Vasca renovan o seu convenio de colaboración para o ano 2021, no que o seu obxectivo é normalizar o desenvolvemento, o estudo e a investigación do éuscaro.
Fonte: Goberno de Navarra
O Centro de Idiomas da Universidade de Valencia ofrece clases de idiomas durante o verán
Durante os meses de xullo e agosto, o centro abrirá as súas portas mañás e tardes á comunidade universitaria e ao público valenciano en xeral para ofrecerlles cursos de idiomas que consoliden coñecementos xa adquiridos ou que preparen o alumnado para acreditacións oficiais. A oferta céntrase en cursos de valenciano ou de español para estudantes ou visitantes estranxeiros.
Fonte: Levante-EMV
O alumnado de Cataluña poderá escoller a lingua dos exames de selectividade
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ordena que o alumnado poida elixir a lingua na que prefire realizar os exames de selectividade. Poderá escoller entre o catalán, o castelán ou o aranés.
Fonte: El País
O Goberno das Illas Baleares protexe o ensino en catalán no seu proxecto de lei de educación

A lei establece que polo menos un 50 % das clases se impartirá en catalán para garantir que, ao acabar o período do ensino obrigatorio, o alumnado teña adquirido competencias fluídas nesta lingua e en castelán, ademais dunha terceira lingua estranxeira. O obxectivo é que as dúas linguas oficiais se empreguen na ensinanza para asegurar o proceso de normalización lingüística.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín