España
O anteproxecto da lei balear de protección das persoas consumidoras inclúe un artigo dedicado aos dereitos lingüísticos
Trátase da nova lei de protección das persoas consumidoras e usuarias que tramita o goberno das Illas Baleares e que recolle no seu artigo dedicado aos dereitos lingüísticos que deben poder escoller a lingua oficial na que queren ser atendidas.
Fonte: Última hora
A Generalitat e Movistar+ renovan o seu acordo para ofrecer películas e series en catalán
O pacto entre o Departamento de Cultura da Generalitat e a plataforma dixital Movistar+ fixo que se subtitulasen case 18000 películas e 2171 episodios en catalán ata 2020 e que se ofrezan películas con audio nesta lingua. A previsión para 2021 é que se subtitulen 280 películas e 300 capítulos de series.
Fonte: Segre
O Goberno do Principado crea un buscador para atopar toponimia oficial e obras literarias en asturiano e galego-asturiano
O acceso ao buscador faise desde a páxina da Consellería de Cultura, Política Lingüística e Turismo e inclúe a toponimia oficial aprobada ata agora e un catálogo de todas as obras literarias publicadas en asturiano e galego-asturiano nas últimas catro décadas.
Fonte: La Voz de Asturias
A Deputación de León convoca dous premios literarios en leonés e galego

A Deputación de León organiza un concurso literario en leonés, que levará o nome de Caitano Bardón, e apoia o concurso literario en galego Morales, xa existente. Coa convocatoria búscase traballar pola protección das linguas minoritarias que se falan na comunidade, de acordo co Estatuto de autonomía de Castela e León.
Fonte: El Bierzo Digital
A Generalitat prepara unha enquisa para coñecer o nivel de uso e coñecemento que a poboación xeral ten do valenciano

A enquisa é necesaria para dar a coñecer a situación social do valenciano e servir de base para a súa planificación lingüística, ao formar parte dunha das actividades de promoción do valenciano da Consellería de Educación. Os datos iniciais da enquisa extraeranse dunha mostra de 9000 persoas e os seus resultados publicaranse a finais deste ano ou principios do 2022.
Fonte: Levante-EMV
O Goberno vasco presenta o seu informe 2021-2024 para promover o uso do éuscaro na contorna dixital
O informe foi elaborado pola Comisión Especial do Consello Asesor do Éuscaro e ten como obxectivo fomentar os contidos dixitais en éuscaro no sector audiovisual de ocio, no ámbito académico e nos medios de comunicación dixitais. Tamén busca garantir a difusión de ferramentas e de recursos dixitais nesta lingua.
Fonte: El Diario
Un total de 1200 adolescentes entra no mundo audiovisual en éuscaro grazas ao proxecto “Hi Gazte!”
Os obxectivos do proxecto da Dirección de Igualdade Lingüística da Deputación Foral de Gipuzkoa son fomentar a creación audiovisual na mocidade entre 14 e 16 anos e que adquiran o hábito de traballar, difundir e consumir produtos en éuscaro.
Fonte: DDonosti
A Deputación de Valencia premia 15 concellos pola dinamización do valenciano no comercio local
A Unidade de Normalización Lingüística explica que a concesión desta subvención destinada aos concellos busca axudar ao sector do comercio e á dinamización do valenciano ao recoñecer o uso desta lingua por parte das persoas comerciantes nos seus establecementos.
Fonte: El Periòdic
O Instituto de Estudos do Autogoberno organiza un seminario en liña para impulsar o catalán na mocidade, no ámbito da migración e no do audiovisual
O seminario chámase “Linguas e Autogoberno” e busca establecer unhas medidas e prácticas para protexer a dinamización do catalán entre a xuventude, a migración e o audiovisual, xa que son tres vectores do futuro desta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A EITB presenta o seu proxecto de creación dunha plataforma audiovisual con contidos en éuscaro

O obxectivo da EITB é ampliar a súa presenza a espazos dixitais para que a mocidade consuma o éuscaro a través dunha plataforma na que se pode ver a produción audiovisual da televisión pública vasca e as películas, as series, os documentais e os espectáculos que se crean no País Vasco.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Boletín
Subscríbase ao boletín