España
Dous novos anuncios e unha cuña radiofónica promoven o aranés en Cataluña

A Dirección Xeral de Política Lingüística busca fomentar o uso e o coñecemento do aranés a través da publicidade institucional. Os anuncios e a cuña radiofónica estarán presentes en todos os canais da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais, de televisión e de radio.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O premio Etxepare-Laboral Kutxa outorga 4000 euros á mellor tradución dunha obra literaria escrita orixinalmente en éuscaro
Este galardón ten como obxectivo darlles visibilidade internacional a obras de autoras e autores vascos. O Instituto Etxepare comunicou que poderán presentarse os tradutores, as tradutoras e as editoriais internacionais que presenten unha tradución dunha obra literaria escrita e publicada en éuscaro no ano 2020.
Fonte: El Diario Vasco
Créase o proxecto Euskaraz KiLiKa para promover as relacións en éuscaro entre nenas e nenos de Navarra
O Goberno de Navarra e a Fundación Dindaia crean un proxecto en liña, Euskaraz KiLiKa, dirixido ao público infantil de 8 a 12 anos para ofrecerlles actividades de ocio en éuscaro, xa que contribúen á aprendizaxe da lingua e aumentan a súa fluidez e os hábitos de uso. Trátase da organización de conversacións grupais para que nenas e nenos escolarizados nesta lingua de diferentes zonas interactúen uns cos outros.
Fonte: Goberno de Navarra
Renóvase o compromiso de colaboración entre a Academia Valenciana da Lingua e a Universidade Jaume I
Representantes das dúas institucións reúnense para reafirmar a súa colaboración. Nos últimos anos realizaron actividades no ámbito da investigación e na difusión do coñecemento a través da organización de xornadas e encontros.
Fonte: El Periòdic
A Generalitat instala como predeterminado o módulo de idioma valenciano nas súas aplicacións e dispositivos TIC
Francesc Gamero, secretario autonómico de Facenda, afirma que haberá un maior uso do valenciano ao ser o idioma predeterminado que aparecerá nos dispositivos. Esta medida nace do obxectivo de impulsar e facilitar o uso desta lingua no ámbito informático, nunha sociedade cada vez máis estruturada arredor das TIC.
Fonte: El Periòdic
Nace unha nova plataforma de contidos audiovisuais en éuscaro

A EITB e Euskaltel presentan Euskalteka, o novo servizo integrado na televisión que ten como obxectivo promover os contidos audiovisuais creados en éuscaro e a cultura do País Vasco. A plataforma inclúe máis de 300 horas de programas de éxito da EITB de distintos xéneros e para todos os públicos.
Fonte: Cine y Tele
O Goberno de Navarra solicita que se poidan facer documentos oficiais en éuscaro e castelán
O Departamento de Relacións Cidadás pídelle ao Goberno central que os documentos oficiais, como o DNI e o carné de conducir, se poidan facer en éuscaro e en castelán na comunidade.
Fonte: SER
Publícase un manual para achegar vocabulario en valenciano aos comerciantes de orixe chinesa

A Deputación de Valencia colaborou na edición do manual da Plataforma pola Lingua sobre vocabulario en valenciano para o sector dos comerciantes de orixe chinesa, co obxectivo de contribuír á súa integración social. Inclúe recursos para mellorar o nivel de coñecemento desta lingua con vocabulario comercial para restaurantes, bares e cafeterías, así como expresións frecuentes, formas de saudar e relacionarse.
Fonte: SER
O Concello de Valencia convoca subvencións para os comercios que participan na promoción do valenciano

O obxectivo das axudas é fomentar, valorizar e impulsar o valenciano como unha lingua de uso habitual e presente nos establecementos comerciais da cidade que atenden directamente ao público. Os comercios que participen recibirán un distintivo que os identifique para darlles visibilidade.
Fonte: 20 minutos
Convócanse axudas para as persoas adultas que estudan o éuscaro

Estas axudas, convocadas polo Instituto Navarro do Éuscaro, contan cun importe total de 20 000 euros e van dirixidas a maiores de 16 anos. As persoas solicitantes deben estar inscritas nalgún curso de éuscaro desde o 20 de outubro de 2020 ata o 15 de agosto de 2021.
Fonte: Diario de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín