España
A Universidade do País Vasco organiza un curso de verán para analizar a importancia da transmisión familiar do éuscaro

Dado que a transmisión familiar é un dos pasos máis importantes no proceso de revitalización do éuscaro, a Viceconsellería de Política Lingüística do Goberno vasco ofrece este curso para analizar as condutas de cada tipo de familia na transmisión desta lingua.
Fonte: Deia
Apróbase un convenio para promover o éuscaro no ámbito empresarial en Áraba
A Deputación e a asociación empresarial SEA Empresas Alavesas colaboran na coordinación do Programa Lanabes, que ten o obxectivo de promover o uso do éuscaro no ámbito empresarial e ao que se unen cada vez máis entidades.
Fonte: Noticias de Álava
Reivindícase a oficialidade do éuscaro en Tudela
A plataforma a favor do éuscaro de Tudela organizou unha marcha popular en bicicleta e varias actividades baixo o lema “Quero vivir en éuscaro” para reivindicar a oficialidade desta lingua.
Fonte: Noticias de Navarra
A Generalitat destaca a política lingüística como prioridade coa redefinición do Departamento de Cultura
A Generalitat aproba o decreto de reestruturación do Departamento de Cultura, mediante o cal a Dirección Xeral de Política Lingüística eleva o seu rango e convértese en Secretaría de Política Lingüística, e destaca a lingua como unha prioridade gobernamental para garantir o futuro do catalán, do occitano e da lingua de signos catalá dentro da sociedade.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Publícase un novo dicionario catalán-aranés
O novo dicionario, publicado polo Instituto de Estudos Araneses, inclúe máis de 30 000 entradas en catalán coas súas equivalencias en aranés. Trátase da primeira parte dun proxecto que se completará co dicionario aranés-catalán o vindeiro ano.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno vasco destina 1,3 millóns de euros a axudas para proxectos de promoción do éuscaro
Esta convocatoria de axudas, denominada Euskalgintza, ten como obxectivo o desenvolvemento ao longo do ano 2021 de proxectos de promoción e normalización do éuscaro na vida social.
Fonte: Gobierno Vasco
O servizo de atención cidadá Zuzenean consegue o certificado de calidade do éuscaro Bikain
Zuzenean conseguiu o certificado de calidade do éuscaro Bikain como recoñecemento ao seu compromiso e o do seu persoal co éuscaro que garante o dereito da cidadanía vasca a empregar esta lingua ou o castelán na súa relación coa Administración.
Fonte: Noticias de Navarra
A Generalitat de Cataluña publica unhas orientacións para impulsar o uso do catalán nas redes sociais das empresas

Esta nova liña de acción, que se encadra no programa Emmarca’t, ten como obxectivo animar as empresas que operan no mercado catalán a usar a lingua catalá nas comunicacións das súas redes sociais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Seis concellos vascos únense nunha plataforma para ofrecer e solicitar traballo en éuscaro
Portugalete, Basauri, Erandio, Getxo, Orduña e Galdakao forman parte da plataforma dixital Beharsarea, unha ferramenta para ofrecer e solicitar traballo en éuscaro. Trátase dunha web que funciona como un taboleiro de anuncios virtual que ao mesmo tempo fomenta o uso desta lingua no ámbito laboral.
Fonte: El Correo
O Goberno de Aragón destina 5000 euros a desenvolver actividades a prol das linguas propias
O Goberno de Aragón subscribe un acordo de colaboración coa comarca de La Ribagorza para poñer en marcha medidas a prol do aragonés e o catalán de Aragón, e as súas variedades dialectais tales como actividades de difusión, dinamización social e cultural, publicacións, rótulos etc.
Fonte: El Periódico de Aragón
Boletín
Subscríbase ao boletín