España
Sae á luz o primeiro disco de rap en aragonés
Os Chardins de Shalimar é o nome do primeiro disco publicado en aragonés. Para Krevi Solenco, o seu autor, trátase dun medio de expresión para reivindicar esta lingua e para falar de cuestións sociais.
Fonte: elDiario.es
A Academia Valenciana da Lingua lanza a aplicación de consulta Gramàtic-On
A academia crea unha aplicación para resolver en liña as dúbidas con respecto ao uso do valenciano. Gramàtiques Normatives Valencianes, abreviada como Gramàtic-On, pretende ser unha ferramenta básica para preparar un exame ou redactar algún escrito nesta lingua.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
Un novo convenio permitirá continuar coa publicación en catalán de leis e outra normativa no BOE
A Generalitat de Cataluña asinou un convenio co Estado español para a publicación en catalán de leis e outra normativa no BOE, algo que xa se vén facendo desde o ano 1998 e ao que este acordo lle dará continuidade.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Facultade de Ciencias Humanas e da Educación do campus de Huesca realiza unha exposición coas linguas de Aragón como protagonistas
Para celebrar o Día de Aragón, a facultade recupera a exposición ‘Aragón 3L’ sobre a realidade lingüística da Comunidade e ofrece unha visión xeral sobre a situación do castelán, do aragonés e do catalán. Será posible visitala desde o día 26 de abril ata o día 3 de maio, de luns a venres e de 8:30 a 21:00 horas no edificio principal do centro.
Fonte: Radio Huesca
O Concello de Lazkao lanza o Plan estratéxico do éuscaro para os próximos catro anos
O Plan estratéxico do éuscaro 2021-24 busca protexer e seguir fomentando o uso desta lingua. O Consistorio solicita a participación da cidadanía e de axentes locais para completar a súa elaboración co obxectivo de que o documento reflicta a realidade actual e o futuro de Lazkao e da poboación local.
Fonte: El Diario Vasco
Arredor de mil profesionais da avogacía inscríbense no programa de fomento do catalán na Administración de Xustiza
O obxectivo do programa é estender o uso do catalán na Administración de Xustiza, é dicir, fomentar a presentación dos escritos e solicitarlle ao xulgado que a documentación se notifique nesta lingua.
Fonte: Diario Jurídico
Preséntase unha aplicación para difundir a literatura en lingua aragonesa
O Goberno de Aragón presentou a aplicación LiteARAtura que ten como obxectivo difundir a literatura en lingua aragonesa, desde as primeiras mostras da Idade Media ata o momento actual.
Fonte: Heraldo
Xa está dispoñible para o público o Corpus da Lingua de Signos Española

O Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española puxo a disposición da cidadanía este corpus que inclúe unha gran cantidade de textos signados que pretende servir de base para a investigación ou a formación.
Fonte: Servimedia
O Goberno de Navarra renova o convenio de colaboración coa asociación Topagunea para impulsar Euskaraldia 2021
Baixo o lema “Euskarak 365 egun”, Euskaraldia é un programa que ten como obxectivo fomentar o uso social do éuscaro en Navarra. Para impulsar esta iniciativa o Goberno Foral asinou un convenio con Topagunea, dotado con 130.000 euros, para a coordinación e a divulgación do programa, e para a realización de actividades de fomento e sensibilización, actos públicos...
Fonte: Gobierno de Navarra
A Generalitat de Cataluña convoca unha nova liña de subvencións á dobraxe e á subtitulación ao catalán
O Departamento de Cultura convoca unha liña de axudas, cunha dotación económica dun millón de euros, destinada a distribuidoras e a empresas de dobraxe, para subtitular ou dobrar ao catalán longametraxes e para subtitular series para plataformas dixitais e en soporte físico.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín