España

A Oficina de Defensa dos Dereitos Lingüísticos das Illas Baleares estará operativa en 2021

O conselleiro de Educación anunciou que en 2021 comezará a funcionar a Oficina de Defensa dos Dereitos Lingüísticos. Está será unha das actuacións para o vindeiro ano da Dirección Xeral de Política Lingüística, que contará con algo máis de 3 000 000 de euros de orzamento para o próximo exercicio.

Fonte: Diario de Mallorca

Illas Baleares

O catalán xa está presente nas pantallas dos coches da marca Tesla

A compañía Tesla vai incluír o catalán nas pantallas dos seus coches, o que supón que por primeira vez unha marca automobilística incorpora de serie esta lingua. Porén, pode non ser a última, xa que a Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña está en contacto con outras empresas de automoción para que engadan o catalán aos seus produtos.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Varias organizacións xuvenís asinan un acordo en defensa da lingua catalá

Quince organizacións xuvenís dos territorios de fala catalá impulsaron un acordo, que difundiron polas redes sociais co cancelo #FemHoEnCatalà, en defensa do catalán como lingua de acollida e cohesión social, así como o seu ensino nas aulas e o fomento da súa investigación e coñecemento.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Xeral

Denuncian irregularidades no ensino da materia de Lingua Asturiana

Iniciativa pol Asturianu denunciou varias irregularidades en centros educativos, tanto públicos como concertados do Principado, como a falta de profesorado na materia de Lingua Asturiana.

Fonte: InfoAsturies

Asturias

O Goberno vasco asinará acordos con varias organizacións para continuar co desenvolvemento do tradutor automático Itzuli

O Goberno vasco asinará acordos con varias entidades para seguir desenvolvendo Itzuli, un tradutor automático neuronal que permite realizar traducións en éuscaro, castelán, francés e inglés. Trátase dunha ferramenta que manexa grandes corpus bilingües, polo que cómpre incluír no seu sistema elevados volumes de información.

Fonte: La Vanguardia

País Vasco

Ponse en marcha unha escola en liña para familias con fillas e fillos escolarizados en éuscaro

A escola en liña ERA Eskola, impulsada por Euskarabidea e varias entidades locais navarras, está dirixida a familias cuxos fillos e fillas están escolarizados en modelos con éuscaro co obxectivo de acompañalas e ofrecerlles recursos tecnolóxicos nesta lingua. Están previstas tres sesións gratuítas que se retransmitirán en directo, vía streaming, a través de YouTube.  

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

A mocidade de Pasaia redacta un manifesto a prol do uso do éuscaro

Un grupo de mozas e mozos de Pasaia reuniuse para reflexionar sobre os seus hábitos lingüísticos e amosar a súa preocupación pola situación do éuscaro. Froito deste encontro, xurdiu un manifesto no que, co lema “Gazte olatur”, animan a xente nova a realizar tamén esta reflexión.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

A Universidade de Valencia impartirá o vindeiro curso a metade da docencia en valenciano

O Consello de Goberno da Universidade de Valencia aprobou que para o curso 2021-2022 na Universidade de Valencia se imparta a metade da docencia dos graos en valenciano, para acadar a equiparación lingüística co castelán, e que se incremente a presenza do inglés e doutras linguas estranxeiras.

Fonte: Levante-EMV

Comunidade Valenciana

Actualízanse 200 termos en catalán relacionados coa farmacoloxía e a covid-19

O Termcat, en colaboración coa Sociedade do Dicionario Enciclopédico de Medicina e a Fundación Doutor Antoni Esteve, realizou unha revisión terminolóxica e unha actualización de 200 termos relacionados cos fármacos e coa covid-19.

Fonte: La Vanguardia

Cataluña

Comeza unha campaña en varios concellos vascos para poñer os menús da hostalería en éuscaro mediante códigos QR

Os concellos de Lezo, Oiartzun e Pasaia, coa colaboración da Comisión de Éuscaro de Oarsoaldea, ofrécenlles aos establecementos hostaleiros códigos QR para poñer os seus menús en éuscaro.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder