España
A Generalitat de Cataluña impulsa a presenza do catalán en videoxogos e aplicacións

Co obxectivo de fomentar a presenza do catalán nas novas tecnoloxías, especialmente as relacionadas co entretemento da xente nova, o Departamento de Cultura convoca unha liña de axudas, cunha dotación de 100 000 euros, dirixida ás empresas que incorporen esta lingua nos seus produtos dixitais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha campaña anima a ler en valenciano nos centros educativos a través dunha colección de cómics

A Deputación de Valencia e a Academia Valenciana da Lingua animan a ler en valenciano cunha colección de cómics denominada ‘Gràfica’ que chegará aos concellos e aos centros de ensino.
Fonte: El Periodic
As rúas de Pamplona acollen unha manifestación para reclamar o dereito a estudar en éuscaro
Baixo o lema “Euskara eskubidea, ni más ni menos”, miles de persoas rexeitaron nunha manifestación a postura dalgunhas Administracións públicas navarras e defenderon o seu dereito a estudar en éuscaro no ensino público en todos os ciclos formativos.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Entregan os certificados Bai Euskarari a 38 comercios, empresas e entidades de Barañáin polo seu impulso do éuscaro

Un total de 38 comercios, empresas e entidades de Barañáin recibiron os certificados Bai Euskarari 2019 polo seu labor a prol do fomento do éuscaro.
Fonte: Diario de Navarra
Demandan o fomento dos contidos en catalán nas plataformas de vídeo baixo demanda

O Consello do Audiovisual de Cataluña reclama que a transposición da nova directiva de servizos de comunicación audiovisual impulse a presenza de contidos en catalán nos catálogos das plataformas de vídeo baixo demanda como Netflix.
Fonte: La Vanguardia
O Pleno do Concello de Irún aproba o Plan de normalización do éuscaro 2018-2022
O Plan de normalización de uso do éuscaro para o período 2018-2022 aprobouse en sesión plenaria despois de sufrir un importante atraso que provocou a prórroga do anterior plan ata a data.
Fonte: El Diario Vasco
Un 58,18 % dos establecementos comerciais arabeses conta cunha persoa capaz de entender éuscaro

Segundo unha enquisa realizada por Aenkomer en colaboración coa Deputación de Áraba a 330 establecementos de comercio e hostalería, un 58,18 % destes (192) conta con, polo menos, unha persoa capaz de entender éuscaro.
Fonte: El Correo
Ponse en marcha unha campaña para que a cidadanía poida reclamarlles aos concellos o uso do asturiano e do galego-asturiano
A campaña, que ten como lemas 'Nel mio conceyu, na mio llingua' ou 'Nel meu conceyo, na mio llingua', busca que a cidadanía, a través dun modelo de solicitude, reclame o uso do asturiano e do galego-asturiano por parte dos seus concellos.
Fonte: Galicia Confidencial
Preséntase TraduZe, un programa de tradución automática do aragonés

O Goberno de Aragón acaba de presentar as versións en probas de TraduZe, un tradutor automático do aragonés. Así mesmo, desenvolveuse un prototipo da síntese vocal para esta lingua que, entre outros usos, poderá servir para a lectura automática de información turística.
Fonte: El Periódico de Aragón
A Comisión de Toponimia de Cataluña reúnese para tratar os obxectivos para o ano 2020
Na súa primeira reunión ordinaria de 2020, a Comisión de Toponimia de Cataluña abordou as accións previstas para este ano, como a actualización do nomenclátor oficial de Cataluña, a publicación do nomenclátor do Val de Arán ou a elaboración do nomenclátor mundial.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Boletín
Subscríbase ao boletín