España
Trece empresas reciben do Goberno navarro 68 000 euros para impulsar o éuscaro

O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea, concedeulles a trece empresas da comunidade axudas por un valor de 68 000 euros para fomentar o uso do éuscaro nos centros de traballo.
Fonte: Diario de Navarra
A plataforma de mensaxería instantánea Telegram incorpora o catalán

Coa incorporación do catalán ás opcións de idiomas de Telegram xa son 16 as linguas que ofrece esta plataforma de mensaxería instantánea, dispoñible para dispositivos Android, iOS, TDesktop e macOS.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Goberno do Principado entrega os premios literarios en lingua asturiana deste ano
A Consellería de Educación e Cultura entrega no paraninfo da Universidade de Oviedo os seis premios literarios en asturiano convocados este ano, que teñen como obxectivo consolidar esta lingua como vehículo de expresión literaria.
Fonte: El Búscolu
Ponse en marcha unha campaña contra a discriminación lingüística na Comunidade Valenciana
'Prou de valencianofòbia' é unha campaña, impulsada pola Plataforma per la Llengua, que denuncia a discriminación lingüística e reivindica o dereito a falar valenciano en calquera ámbito.
Fonte: La Vanguardia
Apróbase o Plan estratéxico para o fomento do éuscaro (2019-2022) da Deputación de Áraba

O Plan estratéxico para o fomento do éuscaro, aprobado polo Consello de Goberno da Deputación Foral de Áraba, ten como obxectivo promover o uso desta lingua no territorio arabés así como no condado de Treviño.
Fonte: 20 minutos
A Xunta reúnese en Oviedo co comité de expertos encargado do seguimento da carta europea das linguas

A Xunta de Galicia reuniuse en Oviedo co comité de expertos encargado do seguimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), o tratado internacional subscrito por España e ratificado no ano 2001 a prol do uso das linguas cooficiais.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Generalitat de Cataluña acorda con Movistar+ subtitular en catalán 250 películas e 60 series

Movistar+ vai recibir apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística para subtitular en catalán 250 películas e 60 series este ano, unha iniciativa coa que a Generalitat pretende amosar a súa aposta por incrementar a oferta audiovisual en televisión nesta lingua.
Fonte: La Vanguardia
Empresas e entidades sen ánimo de lucro das Baleares reciben axudas para o fomento do catalán

A Dirección Insular de Política Lingüística concedeulles axudas para impulsar o uso do catalán a un total de 33 empresas, ás que se destinaron 136.450 euros, e a 18 entidades sen ánimo de lucro, que se repartirán 102.491 euros. O obxectivo desta convocatoria é ampliar a presenza desta lingua na illa de Mallorca.
Fonte: La Vanguardia
A Universidade de Zaragoza contará cunha especialidade de profesor de aragonés

A Universidade de Zaragoza aprobou a posta en marcha da especialidade de aragonés para os graos de Maxisterio de Educación Primaria e de Educación Infantil. Trátase de que o alumnado destas titulacións poida dedicarse á docencia da materia de Lingua Aragonesa nos centros educativos desta comunidade.
Fonte: Heraldo
O Goberno balear aumentará as axudas a medios de comunicación que fomenten o catalán

A Consellería de Cultura ampliará en 2019 as axudas destinadas a medios de comunicación que fomenten o catalán, a través de máis liñas e maior flexibilidade para que un maior número de medios resulte beneficiado.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín