España
O Consorcio para a Normalización Lingüística pon en marcha un concurso para impulsar o xogo en catalán

Este novo concurso, que se enmarca no programa "I tu, jugues en català?", terá lugar do 19 ao 30 de novembro, e constará de dez preguntas que farán referencia a xogos tradicionais do territorio. A finalidade é motivar a curiosidade e propiciar o coñecemento dos costumes populares locais no ámbito do xogo e fomentar así o uso do catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Diario Oficial da Generalitat de Cataluña publica o primeiro censo de entidades de fomento do occitano
O pasado mes de xuño creouse o primeiro Censo de entidades de fomento do occitano, que acaba de publicarse. As entidades incluídas nel equipáranse así ás que promoven o catalán, o que supón un impulso para a lingua occitana, oficial en Cataluña como recolle o Estatuto e a Lei 35/2010.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña destina 550 000 euros a 82 proxectos que fomentan o catalán
O Departamento de Cultura da Generalitat vai destinar un total 550 000 euros a 82 proxectos realizados por 68 entidades que fomentan o catalán en ámbitos como o lecer, a acollida ou as relacións profesionais.
Fonte: La Vanguardia
Sete de cada dez usuarios de programas de mensaxería móbil en Cataluña utilizan o catalán

Segundo a enquisa territorial TIC nos fogares, un 72 % das persoas usuarias de mensaxería móbil emprega o catalán, unha porcentaxe que se eleva ata case o 83 % no caso da xente nova de 16 a 24 anos. Tamén se incrementa canto maior é o nivel de estudos, pois a utilización desta lingua supera o 90 % no caso de licenciadas/os e diplomadas/os.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ponse en marcha un novo medio dixital especializado en lingua catalá

Diari de la llengua. El diari del català é un novo medio dixital, dirixido polo xornalista Raül G. Aranzueque, dedicado á lingua catalá, que ofrece reportaxes sobre temas relacionados tanto co catalán como con outras linguas, así como entrevistas a persoas relevantes neste ámbito.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os proxectos beneficiarios das axudas para o fomento do catalán nas illas Baleares increméntanse un 29%

Un total de 40 proxectos saíron beneficiados das axudas para actividades de fomento da lingua catalá que convoca o Goberno balear, cifra que supón un incremento do 29 % con respecto a 2017, cando de subvencionaron 31.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Aragón pon en marcha unha plataforma para compartir información sobre o aragonés

Esta plataforma pretende converterse nun punto de encontro e intercambio para todos os adheridos ao programa Agora x l'aragonés, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar o uso desta lingua.
Fonte: El Periódico de Aragón
A reforma do Estatuto de Autonomía da Rioxa podería incluír a equiparación do éuscaro e o castelán
O PSOE propón aproveitar a reforma do Estatuto de Autonomía da Rioxa para, por vez primeira, introducir o éuscaro e equiparalo co castelán.
Fonte: ABC
Increméntanse nun 37,5 % as axudas destinadas á aprendizaxe de éuscaro para as persoas adultas

O Goberno vasco pretende que a ensinanza do éuscaro sexa gratuíta ata o nivel B2 en 2020. Para iso, o Departamento de Cultura incrementará nun 37,5 % as axudas no próximo ano ata acadar os 2,47 millóns de euros.
Fonte: El Mundo
A Deputación de Áraba e Laneki crean un soporte de escritorio para impulsar o uso do éuscaro no ámbito laboral
A Deputación Foral de Áraba e Laneki, a asociación para o fomento e a mellora da formación profesional, lanzan Baigare, un soporte que poderá colocarse nas recepcións e mostradores dos negocios, co obxectivo de que a clientela saiba que pode ser atendida en éuscaro dende o primeiro momento.
Fonte: 20 minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín