España
O Ministerio de Xustiza esixe a retirada do plan de euscaldunización aos funcionarios de Xustiza
O Ministerio de Xustiza esixe ao Goberno vasco que retire o decreto de normalización lingüística na administración de Xustiza de Euskadi, aprobado en xullo deste ano, porque, do contrario, formularía un recurso contencioso-administrativo.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Acadèmia Valenciana de la Llengua di que a aplicación do Pacto polo valenciano é débil
A Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL) puxo de manifesto a necesidade de "afondar" na Lei de uso e ensino do valenciano, que permaneceu intacta durante estes 25 anos e que considerou que debería ser "actualizada, polo menos con normativas de rango inferior". Ademais, respecto ao 'Pacto polo valenciano. Acordos para a promoción do valenciano', subscrito polos grupos maioritarios das Cortes en 2001, lamentou o "escaso éxito" da súa aplicación, que se levou a cabo "debilmente e só no sector do ensino" e resulta "insatisfactoria", sentenciou.
Fonte: Panorama Actual
O Supremo anula a oficialidade do asturiano no concello de Nava
O Tribunal Supremo anulou o acordo plenario alcanzado en xuño de 2001 pola corporación municipal naveta polo que se aprobaba a oficialidade do asturiano. Así se lles comunicou a todos os grupos políticos desde o equipo de Goberno liderado polo socialista, Claudio Escobio, que evitou facer valoracións ao respecto.
Fonte: La Voz de Asturias
A Universidade de Sevilla esixirá un nivel medio en idiomas para graduarse
A posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior (coñecido popularmente como Proceso de Boloña) obrigará os estudantes a posuír un nivel medio no manexo dalgunha lingua estranxeira, de xeito que se poñerá fin a unha das grandes lagoas do sistema universitario español.
Fonte: Diario de Sevilla
O Tribunal Supremo permítelle á Universidade de Valencia usar a expresión lingua catalá
A sección cuarta da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo desestimou un recurso da Generalitat Valenciana, de xeito que lle permite á Universidade de Valencia utilizar a expresión 'lingua catalá' nos seus estatutos orgánicos, segundo consta nunha sentenza.
Fonte: El Mundo
A Universidade de Murcia terá intérpretes de lingua de signos para estudantes
A Universidade de Murcia desenvolverá por vez primeira este curso un proxecto de intervención de intérpretes de lingua de signos nas aulas universitarias para o alumnado con discapacidade auditiva, grazas a unha subvención de 20.000 euros que o Executivo rexional aprobou.
Fonte: ABC
O Ramon Llull, o Institut d'Estudis Baleàrics e o Goberno balear repártense as competencias en promoción exterior do catalán
O groso de competencias en promoción exterior da lingua catalá e cultura que se produce en Baleares repártese, diversifícase, polo que representantes das distintas institucións debuxaron un posible mapa que evitará solapamentos de políticas.
Fonte: Diario de Mallorca
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana cualifica de "nefasta" a política lingüística do novo goberno
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana cualificou o acordo de goberno entre PSOE e IX-Bloque por Asturies-Los Verdes como "decepcionante e continuador da política de marxinación lingüística levada a cabo ata o momento polo goberno do PSOE, política que vén sendo criticada sistematicamente pola Xunta como un plan para exterminar o asturiano a medio prazo".
Fonte: Asturnews
Proponse un marco común de identidade lingüística entre Asturias, León, Zamora e Miranda do Douro
A idea de expandir un sentimento de identidade lingüística común entre Asturias, León, Zamora e Miranda do Douro foi ben recibida por todos os participantes no relatorio 'La llingua nes tierres ástures: propuestes de collaboración', coa que rematou o I Conceyu Internacional de la Llingua Asturiana.
Fonte: InfoAsturies
Chegan a Vielha as Baladas Italianas para reivindicar que o occitano sexa patrimonio da humanidade pola Unesco

O Conselh Generau d'Aran (Lleida) recibiu as Baladas Italianas de Chambra d'Òc, asociación cultural da zona de Piamond, no norte de Italia, que peregrinaron ata o Val d'Aran para reivindicar que a lingua occitana sexa patrimonio da humanidade pola Unesco.
Fonte: Europa Press
Boletín
Subscríbase ao boletín