España

O conselleiro de Saúde balear non retirará o decreto do catalán e lembra que haberá unha moratoria de dous anos para aprendelo

O conselleiro de Saúde, Vicenç Thomàs, asegurou que non retirará o decreto que estipula o coñecemento do catalán entre os profesionais da sanidade pública en Baleares, algo polo que o PP o acusou de dar prioridade á lingua sobre a asistencia sanitaria.

Fonte: Diario de Mallorca

Presentan a reflexión 'Euskara 21' sobre política lingüística ante os axentes políticos, sociais e culturais de Guipúscoa

Patxi Baztarrika e Erramun Osa, de Política Lingüística do Goberno vasco, presentaron o martes día 9 de decembro no Palacio de Congresos do Kursaal a representantes do ámbito político, social e cultural de Guipúscoa os pasos que se deron ata o momento no proceso de reflexión Euskara 21, que quere poñer unhas bases para a política lingüística deste novo século.

Fonte: Diario Vasco

O vicepresidente catalán afirma que todas as linguas faladas polos inmigrantes forman parte do patrimonio de Cataluña

Todas as linguas estranxeiras faladas polo colectivo inmigrante "forman parte do patrimonio cultural de Cataluña", segundo afirmou en Barcelona o vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Josep Lluís Carod-Rovira, durante a inauguración do V Foro de Linguas Amerindias, organizado por Casa América Cataluña.

Fonte: Latinoamérica Exterior

Repártense polos establecementos hostaleiros de Durango panos de mesa a favor do éuscaro

O Concello de Durango puxo en marcha unha iniciativa a través do programa 'Guk euskaraz' que consiste en repartir polos establecementos hostaleiros panos de mesa cun lema que recorda o agradable que resulta expresarse en éuscaro, fomentando así o uso desa lingua.

Fonte: El Correo Digital

O Concello de Barcelona comprométese a regulamentar o uso do catalán

Todos os grupos municipais do Concello de Barcelona, agás o PP, votaron a favor dunha proposición de ERC á Comisión de Presidencia que obriga o Concello a constituír unha comisión con representación de todos os grupos municipais e o Institut d'Estudis Catalans (IEC) para confeccionar o regulamento de usos lingüísticos do Concello durante o ano 2009.

Fonte: Avui

A escolarización en asturiano sobe en primaria ata o 60 % fronte ao 19 % da ESO

A escolarización en lingua asturiana nos colexios públicos elevouse un punto respecto ao ano pasado nos ciclos de primaria e alcanza o 60 por cento no curso 2008/ 2009 mentres que na educación secundaria obrigatoria (ES0) se mantén no 19 por cento.

Fonte: La Nueva España

O Institut Ramon Llull aposta por mellorar e consolidar os estudos en lingua catalá no exterior

O director do Institut Ramon Llull, Josep Bargalló, compareceu ante a Comisión de Política Cultural do Parlamento de Cataluña para explicar as políticas do Institut para a proxección exterior da lingua catalá.

Fonte: Institut Ramon Llull

A inmigración leva a Euskadi máis dun centenar de linguas diferentes

O fenómeno da inmigración posibilitou que nas cidades e vilas de Euskadi se falen máis dun centenar de linguas diferentes de catro continentes, segundo un estudo do Observatorio Vasco da Inmigración, Ikuspegi. A chegada de miles de persoas de 170 nacionalidades diferentes converteu a Comunidade Autónoma Vasca (CAV) nunha especie de Babel na que, no entanto, o castelán mesmo gañou enteiros.

Fonte: Noticias de Gipuzkoa

O Goberno vasco presenta a campaña "¡Anímate! Xa tes o teu móbil en éuscaro"

Con esta iniciativa preténdese promover paulatina e progresivamente o uso do éuscaro no ámbito da telefonía móbil. Os anuncios poderanse ver e oír, tanto na televisión coma na radio e nos periódicos nunha campaña que se inicia o día 13 de decembro e finalizará o 5 de xaneiro. 174 modelos distintos de diferentes compañías no mercado incorporan xa o éuscaro nas opcións de idioma dos seus menús e aplicacións.

Fonte: Goberno vasco

Unha asociación berciana premia a Susana Seivane pola súa promoción do uso do galego

O día 15 de xaneiro a gaiteira ourensá Susana Seivane recollerá en Ponferrada un premio «por ser unha gran difusora do idioma galego», segundo explican desde a asociación Xarmenta de promoción do uso do galego na comarca leonesa do Bierzo.

Fonte: La Voz de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder