España

O PP insta o Goberno balear a que considere un mérito e non un requisito o catalán

O PP presentará unha proposición non de lei no Parlament mediante a que instará o Goberno balear a considerar o coñecemento da lingua propia das illas como un mérito, e en ningún caso como un requisito, nas probas de acceso á administración sanitaria, facilitando a súa aprendizaxe por parte de médicos e enfermeiras.

Fonte: El Mundo

A Generalitat de Catalunya crea os premios Pompeu Fabra para recoñecer o impulso do catalán

A Consellería da Vicepresidencia, liderada por Josep Lluís Carod-Rovira (ERC), creou os premios Pompeu Fabra para recoñecer a persoas e entidades cívicas que contribúan ao impulso do catalán en diversos ámbitos, segundo publicou o Diario Oficial da Generalitat de Catalunya (DOGC).

Fonte: La Vanguardia

Recorrerán ao Valedor do Pobo de Aragón para que o Concello de Fraga acepte escritos en catalán

O Institut d'Estudis del Baix Cinca planea a posibilidade de elevar unha queixa ao Valedor do Pobo de Aragón pola actitude do Concello de Fraga de non aceptar escrito ningún presentado por esta asociación, ao estar redactado unicamente en lingua catalá. Esta política levou incluso a que o Concello denegara unha subvención ao Institut, por presentar a solicitude en catalán.

Fonte: La Mañana

O reitor da Universidade de Oviedo afirma que o asturiano ten que estar "entre a oferta de títulos" desta universidade

O reitor da Universidade de Oviedo, Vicente Gotor, considerou que a lingua asturiana ten que estar "ente a oferta de títulos da Universidade", ao tempo que mostrou o compromiso do seu equipo de xestión co asturiano e a súa literatura.

Fonte: Asturies.com

A reforma lingüística nos colexios vascos atrásase e terá máis castelán

O Departamento de Educación vasco leva case catro anos a voltas coa reforma dos modelos lingüísticos en Euskadi. E ao final, será «bastante difícil» que o Parlamento vasco aprobe a lei antes das eleccións en marzo, segundo admite un portavoz da Consellería.

Fonte: 20minutos

200 enfermeiros e médicos protestan en Palma contra o decreto do catalán na sanidade

Unhas 200 persoas asistiron á concentración fronte ao Consolat de la Mar (150 segundo a Policía Local e 500 segundo os seus organizadores) para protestar contra o decreto polo que o Goberno balear quere regular a esixencia do catalán ao persoal sanitario.

Fonte: Diario de Mallorca

PSOE e PP votan en contra de dotar o Congreso de intérpretes para as linguas cooficiais

O PSOE e o PP rexeitaron na Comisión de Orzamentos do Congreso as emendas presentadas por ERC, IU e ICV ás contas públicas para 2009 co obxectivo de dotar o Congreso dos intérpretes e os instrumentos tecnolóxicos necesarios para traducir ao castelán os deputados que utilicen o galego, o catalán ou o éuscaro na Cámara Baixa, un dereito que, de momento, os parlamentarios non teñen recoñecido.

Fonte: MundoGaliza

O Goberno vasco aumenta o orzamento para o éuscaro, que alcanza os 71 millóns

O departamento que dirixe Miren Azkarate destinará un total de 71,5 millóns de euros a fomentar o éuscaro e case 155 millóns a EITB (o ente público da radio e a televisión vasca).

Fonte: La Razón

Os territorios da lingua ástur expoñen as súas particularidades

A colaboración en materia de política lingüística entre os territorios ástures nos que está presente a lingua asturiana debe ter polo menos tres condicións. A primeira, que sexa «pedida» por un dos ámbitos territoriais como consecuencia dunha demanda. A segunda, que a colaboración non sexa vista como unha forma de presión na autonomía da política lingüística de cada comunidade autónoma ou Estado. E, en terceiro lugar, que se faga nun ámbito de respecto e acorde coas realidades lingüísticas concretas de cada territorio.

Fonte: La Nueva España

O Seminario de Asturiano apoia o plan de Filoloxía para esta lingua

O Seminario de Filoloxía Asturiana, unha entidade composta por unha ducia de docentes, investigadores e doutorandos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Oviedo, dará o seu «apoio sen reservas» á proposta do actual decano, José Antonio Martínez, de constitución dun «minor» de Asturiano no programa dos novos graos adaptados ao Espazo Europeo.

Fonte: La Nueva España

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder