España

O Síndic de Greuges pídelle ao Concello de Alacante que non discrimine o valenciano

O Síndic de Greuges, Carlos Morenilla, pediulle ao Concello de Alacante que nas súas mensaxes de publicidade institucional observe o réxime de cooficialidade lingüística instaurado na Comunidade Valenciana, sen que en ningún caso poida prevalecer unha lingua sobre outra.

Fonte: El País

Só o 20 % dos baleares le libros en catalán

Arredor do 20 % dos lectores de Baleares elixe habitualmente libros en catalán, fronte ao 80 % que le preferentemente en castelán, segundo se desprende dunha enquisa que elaborou a Consellería de Educación e Formación.

Fonte: El Mundo

O catalán será 'lingua propia' da Franja de Ponent, pero non oficial

O catalán non será cooficial na Franja de Ponent. O Goberno aragonés prepara unha lei de linguas que rebaixa moito as expectativas do anteproxecto do ano 2001 e que finalmente quedou gardado nun caixón. Aquel primeiro borrador si prevía a cooficialidade do catalán e o aragonés nos territorios onde se falan estas linguas e en convivencia co castelán. Esta última lingua será a única oficial, segundo o borrador que prepara o Goberno de Aragón.

Fonte: Avui

O Institut d'Estudis Catalans proxecta un dicionario do catalán absolutamente novo

Hai só un ano da publicación da segunda edición do Diccionari de la llengua catalana do Institut d'Estudis Catalans. Esta actualizaba a primeira, de 1995, que á súa vez era unha revisión do Diccionari general de Pompeu Fabra (1932 e 1954). Pero esta secuencia histórica romperá. O Institut d'Estudis Catalans fixouse como proxecto elaborar un dicionario de nova planta, que actualice tanto o modelo de lingua coma a metodoloxía da obra.

Fonte: El Periódico

As doazóns a entidades que fomenten o catalán poderanse deducir do IRPF

A Lei de medidas fiscais e financeiras, que acompaña os orzamentos do Goberno de Cataluña para 2009, achega a posibilidade de desgravar do IRPF as axudas que se fagan ao Institut d'Estudis Catalans (IEC) ou a outras entidades dedicadas ao fomento da lingua dese país.

Fonte: Vieiros

Créase un sistema para traducir literatura á lingua de signos

Un grupo de investigadores da Universidade de Alacante (UA) deseñou o primeiro Sistema de Escritura Alfabético (SEA) que pode aplicarse nun computador e que lles permite aos xordos traducir obras literarias e documentos á lingua de signos.
O director da Biblioteca Virtual de Signos da Miguel de Cervantes e profesor de lingua de signos, Ángel Herrero, explicou que ata agora se crearon sistemas de escritura icónicos, como o Sign Writting, que non permite procesalo nun computador, e indicou que o SEA consiste na definición dos signos mediante os símbolos alfabéticos. "O reto deste sistema de escritura é demostrar que a linguaxe de signos é unha lingua natural", segundo Herrero, quen destacou a importancia do proxecto en canto á súa aplicación no ámbito literario.

Fonte: Galicia Hoxe

As universidades valencianas ofrecen menos valenciano do que se demanda

O status do valenciano na educación mantén a tónica dos últimos anos: é alto en primaria e infantil e vai degradándose a medida que se ascende nos tramos educativos. Isto explicouno a Mesa pel Valencià, integrada por asociacións cívicas, institucións e sindicatos, ao repasar os incumprimentos da Lei de uso do valenciano 25 anos despois de aprobarse. O último chanzo, o da universidade, onde a demanda segue sendo maior cá oferta, ofrece varias lecturas.

Fonte: El País

Un grupo de estudantes reclama un título de grao de asturiano

Un grupo de estudantes volveu a pedir por segundo luns consecutivo un título de grao de lingua asturiana nas futuras ensinanzas de Filoloxía da Universidade de Oviedo.

Fonte: La Nueva España

Un de cada dez anuncios emitidos en Televisió de Catalunya está en castelán

Un de cada dez anuncios emitidos en Televisió de Catalunya (TVC) está en castelán, segundo explicou o presidente do Consello de Goberno da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA), Albert Sáez, en resposta a unha pregunta por escrito da deputada de CiU Meritxell Borràs.

Fonte: El Mundo

Educación trasladaralle ao presidente valenciano a proposta de aplicar unha moratoria para dar Cidadanía en inglés

A Consellería de Educación vaille trasladar ao presidente da Generalitat Valenciana, Francisco Camps, a proposta da Plataforma en defensa do ensino público de aplicar unha moratoria para aprazar a impartición en inglés da materia Educación para a Cidadanía.

Fonte: El Mundo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder