España
Pactan un plan para impulsar o catalán nos xulgados
Ante a evidencia de que a xustiza é un dos ámbitos onde o catalán está menos normalizado, o Colexio de Avogados de Barcelona, o departamento de Xustiza e a Secretaría de Política Lingüística farán unha fronte común para intentar incrementar o uso.
Fonte: Avui
O Plan de éuscaro de Getxo pon o acento por primeira vez no colectivo de inmigrantes
«Hai que ter en conta que a realidade social mudou. Debemos responder a unha nova situación e darlles aos inmigrantes a ocasión de coñecer o idioma», dixo o responsable de Cultura e Euskera de Getxo. Na presentación do segundo Plan do éuscaro, Koldo Iturbe advertiu da necesidade de fomentar entre este sector de poboación tanto a aprendizaxe como o uso desta lingua.
Fonte: El Correo Digital
O Concello de León celebra o III Día de la Llingua Llïonesa
O Concello de León celebrará, por terceiro ano consecutivo, o Día de la Llingua Llïonesa, nesta ocasión organizado a través das concellerías de Educación, Novas Tecnoloxías e Cultura Leonesa que dirixe o leonesista Abel Pardo.
Fonte: Leonoticias
A Consellería de Educación valenciana presenta un plan multilingüe de 1,5 millóns sen negocialo
Os acordos asinados o 15 de novembro polo conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, e os representantes da Plataforma per l'Ensenyament Públic comezan a ser papel mollado antes incluso de que se inicien formalmente as mesas de negociación. Font de Mora presentou un plan multilingüe deseñado por unha fundación satélite da Consellería que custa 1,5 millóns de euros, que é, segundo recoñeceu o conselleiro, "o presuposto total de 2009" para implantar o inglés nas escolas públicas.
Fonte: El País
A Universidade de Lleida prepara un dicionario sobre a pronuncia do catalán
O grupo de investigación de Recerca Fonètica da Universidade de Lleida traballa na elaboración do Dicionario da pronuncia do catalán, un proxecto iniciado no ano 1995 e que se prevé finalizar en 2012 coa edición de 60.000 entradas.
Fonte: La Mañana
Ermua recolle medio centenar de propostas para practicar éuscaro
Os participantes no programa 'Berbalagun' de Ermua, dirixido á práctica do éuscaro, poderán participar en 2009 en case medio centenar de actividades diferentes. Os integrantes deste plan idearon a organización de 37 actividades diferentes e 10 conferencias. Esta é a ampla oferta lúdico-deportiva entre a que poderán elixir os integrantes de 'Berbalagun'. Os participantes deberán seleccionar as que máis lles gustan.
Fonte: El Correo Digital
Máis dun centenar de estranxeiros aprenderá éuscaro a través do programa AISA do Concello de Vitoria
Un total de 105 persoas inmigrantes participarán durante o primeiro trimestre de 2009 nos cursos de aprendizaxe de éuscaro organizados polo Concello de Vitoria dentro do Programa AISA.
Fonte: Europa Press
A Federación Socialista Asturiana non cambia o seu criterio sobre a oficialidade do asturiano aínda que supoña máis diñeiro
A Federación Socialista Asturiana non cambia de postura sobre a oficialidade do asturiano nin ante a hipótese de que ese recoñecemento se traducise en máis diñeiro a conta da promesa realizada por José Luis Rodríguez Zapatero ao presidente galego na negociación do novo modelo de financiamento.
Fonte: La Nueva España
O 83 % dos centros de primaria de Castelló só ofrece liña en valenciano
Nos centros de primaria de Castelló a falta de oferta para escolarizar os alumnos en castelán ou valenciano é máis acusada que nos centros de secundaria, onde se ofrece indistintamente a posibilidade de cursar a ESO e o bacharelato segundo o modelo lingüístico PEV (ensino maioritariamente en valenciano) ou o PIP (ensino maioritariamente en castelán).
Fonte: El Mundo
O Parlamento vasco rexeita ampliar o prazo da exención do éuscaro para alumnos procedentes doutras comunidades
A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento vasco rexeitou modificar a nova regulación da exención do éuscaro no ensino non universitario incluída no currículo vasco, que establece que só quedan exentos os alumnos que vaian estar un máximo dun curso escolar no Sistema Educativo vasco.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín