España

O portavoz do Goberno en Melilla rexeita a inclusión do tamazight nas oposicións a Policía Local

O portavoz do Goberno en Melilla, Daniel Conesa, afirmou que a proposta realizada por Coalición por Melilla (CpM) de incluír o coñecemento do tamazight como un elemento máis valorable nas próximas convocatorias de oposicións á Policía Local "carece de sentido", pois, segundo comentou, as oposicións a este Corpo son libres, a elas pódese presentar calquera cidadán e non inclúen a valoración de méritos, senón só a superación de distintas probas, tanto físicas como de cultura e psicotécnicas.

Fonte: El Faro Digital

Máis de 2.200 alumnos participan en programas de apoio lingüístico e cultural en Castela-A Mancha

Máis de 2.200 alumnos e alumnas de centros educativos de Infantil e Primaria e de Secundaria de Castela-A Mancha participan este curso 2008-2009 no programa de Ensino da Lingua e Cultura de Orixe (ELCO), destinados tanto ao alumnado marroquí como romanés.

Fonte: Mi Ciudad Real

O sindicato EILAS denuncia que a Consellería vasca de Educación "non cumpre a súa normativa" sobre normalización lingüística

O sindicato STEE-EILAS denunciou que a Consellería vasca de Educación "non está cumprindo a súa propia normativa" recollida no Programa Ulibarri de normalización lingüística e advertiu de que, se unha vez esgotada a vía administrativa se mantén a actual situación, acudirá aos tribunais.

Fonte: Finanzas

O presidente de Estremadura fíxase como obxectivo a declaración do portugués como segunda lingua estranxeira na comunidade

O presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, apostou por afondar no que denominou como a "cooperación de segunda xeración" entre Estremadura e Portugal, a través da configuración dun "plan estratéxico común" entre a rexión e o país veciño, e a través do avance cara á declaración do portugués como segunda lingua estranxeira na comunidade.

Fonte: Europa Press

O presidente da Junta de Castilla y León pide esforzarse para que o español sexa idioma de traballo na Unión Europea

O presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera, pediu na inauguración do I Congreso Internacional sobre o Español como Valor e Recurso Cultural, Turístico e Económico, traballar para que 'o español sexa admitido como lingua de traballo na Unión Europea, ao mesmo nivel que o inglés, o francés ou o alemán'.

Fonte: El Mundo

Os centros privados valencianos aseguran que non teñen problemas para impartir Cidadanía en inglés

As patronais de centros privados Fere Ceca Coval e Cece manifestáronlles aos representantes da Consellería de Educación valenciana que non cren necesaria unha moratoria na aplicación da materia Educación para a Cidadanía en inglés porque non están tendo problemas para dar a materia nesa lingua.

Fonte: El Mundo

O Goberno español rexeita derrogar o decreto sobre o éuscaro na Xustiza

O Goberno acordou rexeitar o requirimento que lle realizou a Avogacía do Estado para que derrogue o decreto aprobado en xullo pasado que regulou o proceso de euscaldunización na Administración de Xustiza.

Fonte: El País

Preséntase a primeira plataforma interactiva audiovisual para ensinar español

O presidente de Windows Channel, José Ángel Benito, presentou en Salamanca a primeira "plataforma interactiva, audiovisual e multimedia" dedicada ao ensino do castelán e que foi impulsada pola Junta de Castilla y León e a Universidade de Salamanca.

Fonte: El Mundo

Zaragoza acollerá un acto contra o recoñecemento do catalán na Franja de Ponent

A Plataforma No Hablamos Catalan, que aglutina entidades de todos os Países Cataláns manifestamente contrarias á unidade da lingua que se fala en todos estes territorios e á súa denominación como catalán, convocou os seus seguidores a un "gran acto cultural e festivo" que se desenvolverá o sábado 29 de novembro en Zaragoza.

Fonte: Avui

O Goberno vasco destina 10,4 millóns á euscaldunización dos seus traballadores

O tripartito vasco informou sobre os fondos que destina para os cursos de éuscaro dirixidos ao persoal do Goberno vasco. A través dunha nota de prensa, explicou que estes cursos buscan dar cumprimento á Lei de normalización do uso do éuscaro e ao dereito de todos os cidadáns a relacionarse coa Administración nos dous idiomas oficiais.

Fonte: El Mundo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder