España
O Bloc aplaude a Zaplana por impulsar o valenciano
O portavoz adxunto de Compromís e líder do Bloc, Enric Morera, loou as políticas que o ex presidente da Generalitat Valenciana, Eduardo Zaplana, realizou polo valenciano: "Fixo moito e deu exemplo de querer a nosa lingua a pesar de ser castelanfalante". Morera destacou a creación da Acadèmia Valenciana de la Llengua e do Pacto polo Valenciano.
Fonte: Las Provincias
Os profesores critican a falta de materiais para ensinar o asturiano
A sede do Centro do Profesorado e de Recursos de Oriente (CPR) acolleu a presentación de 'A la gueta del material espardío. Llingua asturiana y Lliteratura'. Trátase dun volume enmarcado na colección Materiales Didácticos de Aula e está enfocado no ensino do asturiano.
Fonte: El Comercio Digital
Un estudo afirma que o castelán só supón o 30% da oferta lingüística da Administración pública catalá
A paridade entre o español e o catalán non existe na Administración pública catalá. A lingua española está en clara desvantaxe e úsase só no 30% das accións administrativas fronte ao 70% das veces que se utiliza exclusivamente o catalán. Así se desprende do estudo presentado esta semana por Bernat Joan, secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya e Paquita Sanvicén, directora de Planificación e Fomento da Secretaría de Política Lingüística.
Fonte: El Confidencial
O Instituto Cervantes planea incorporar o éuscaro ao servizo de tradución automática da súa web
O Instituto Cervantes planea incorporar o éuscaro ao servizo de traducción automática da súa páxina en internet, segundo anunciou a súa directora, Carmen Caffarel, durante a súa comparecencia ante a Comisión de Cultura do Senado.
Fonte: Finanzas
O presidente de RTVE anuncia que abrirá unha web en catalán para competir con TV3
O presidente de Radiotelevisión Española, Luis Fernández, admitiu no Senado que o ente ten un atraso "dunha década" no desenvolvemento do departamento de medios interactivos de Cataluña, pero asegurou que o están "corrixindo" e que en xaneiro abrirán unha web en catalán que "pouco a pouco" debe converterse na "máis potente e mellor".
Fonte: Avui
Un experto advirte de que todas as linguas indíxenas están en perigo de desaparecer
Todas as linguas indíxenas están en perigo de desaparecer, aínda que algunhas delas o farán máis rapidamente que outras, segundo asegurou a Efe o lingüista valenciano Julio Calvo Pérez, invitado ao Forum das Linguas Amerindias organizado por Casa América Cataluña.
Fonte: Diario Metro
Almería conta con aulas temporais de adaptación lingüística para inmigrantes
Almería é na actualidade a primeira provincia andaluza en número de aulas temporais de adaptación lingüística. Trátase dunha iniciativa que pretende integrar o alumnado estranxeiro con programas de acollida e de ensino do español que garantan a escolarización dos inmigrantes permitindo a súa incorporación aos ritmos e actividades de aprendizaxe do nivel educativo correspondente á súa idade.
Fonte: Ideal
A Generalitat Valenciana implantará colexios públicos bilingües en inglés a partir do próximo curso
A Consellería de Educación valenciana implantará o próximo curso o ensino bilingüe en colexios públicos coa creación de liñas educativas en inglés, segundo informou a Generalitat Valenciana nun comunicado. Así, a partir do curso 2009-2010, en tres colexios da Comunidade Valenciana (un en Alacant, outro en Castelló e outro en Valencia) haberá liñas de nova creación co ensino en inglés desde o segundo ciclo de educación infantil con catro anos ata alcanzar a educación postobrigatorioa co Bacharelato.
Fonte: El Mundo
A Plataforma per la Llengua asumirá a defensa legal do mozo que traduciu ao catalán a web do Parlamento Europeo
A Plataforma per la Llengua anunciou que, se finalmente o Parlamento Europeo denuncia a Miquel Català, o mozo que traduciu ao catalán o portal de internet desta institución, asumirá a súa defensa legal.
Fonte: Avui
Créase por primeira vez en Asturias unha dirección xeral exclusiva para a política lingüística
Entre as novidades do novo Goberno de Asturias, recentemente nomeado polo presidente Areces, está a creación dunha Dirección Xeral de Política Lingüística, a cargo da ata agora directora xeral de Cultura e Política Lingüística, Consuelo Vega.
Fonte: Asturnews
Boletín
Subscríbase ao boletín